Acadan 525 puntos en Ciencias, 21 puntos por riba do promedio estatal, neste estudo realizado en 4º de Primaria no que só nove comunidades teñen mostra ampliada.
Galicia volve situarse como un dos mellores sistemas educativos superando amplamente a media de España en rendemento académico nas áreas de Ciencias e Matemáticas, na xeración de igualdade de oportunidades ou en parámetros como a Conciencia medioambiental. Así o reflicten os datos do último estudo TIMSS da Asociación Internacional para a Avaliación do Rendemento Educativo, realizado en 2023 en Primaria, no que a nosa Comunidade participa por primeira vez cunha mostra ampliada xunto con outras oito autonomías.
Segundo dito informe, que se fixo público hoxe, os alumnos galegos acadan un total de 525 puntos en rendemento en Ciencias, o que supón 21 puntos por riba da media de España (504 puntos) e sitúanse segundos no ránking das nove comunidades analizadas a tan só tres puntos de distancia de Asturias. Así mesmo, en rendemento matemático, os alumnos galegos logran un total de 509 puntos, 11 máis que o conxunto do Estado (498), o que os sitúa en quinto lugar no panorama estatal.
Así mesmo, Galicia lidera os resultados de Conciencia medioambiental, onde os alumnos galegos obteñen 533 puntos, superando en 23 puntos os 510 do Estado, o que a coloca como a primeira de España.
Galicia | España | Diferenza | |
Ciencias | 525 | 504 | + 21 |
Matemáticas | 509 | 498 | + 11 |
Conciencia medioambiental | 533 | 510 | + 23 |
Líderes en equidade e resiliencia
O estudo TIMSS reforza á Comunidade galega como a máis equitativa do Estado, un parámetro que confirma os resultados obtidos noutros informes como o PISA. Segundo esta avaliación internacional, Galicia é a comunidade onde o contexto socieconómico dun alumno inflúe menos nos seus resultados académicos. Isto é, que o éxito educativo non está asociado ao contexto económico, social e familiar. Este parámetro mídese a partir dunha serie de variables que determinan en que medida un sistema educativo é capaz de dar igualdade de oportunidades. No caso de Galicia, o éxito educativo está menos condicionado polo contexto económico, social e familiar que no resto das comunidades autónomas.
Neste mesmo senso, os alumnos galegos tamén acadan as porcentaxes máis altas de alumnado resiliente entre todas as comunidades autónomas, entendendo a resiliencia académica como a capacidade dun alumno de, a pesares de afrontar contextos socioeconómicos desfavorables, acade un rendemento académico superior á media.
Políticas públicas e plans e reforzo
Estes resultados avalan, por tanto, unha das liñas de traballo prioritarias do Goberno da Xunta de blindar un sistema educativo de calidade, equitativo, igualitario e inclusivo, onde un alumno teña as mesmas oportunidades independentemente de onde resida ou da contorna de onde proceda. En todo caso, o obxectivo da Xunta é continuar reforzando a aprendizaxe dos estudantes galegos para que, especialmente na área de Matemáticas, está ultimando un programa de apoio que presentará antes de que remate o ano. A participación neste tipo de informes proporciona datos para guiar as políticas públicas.
O estudio TIMSS é unha avaliación internacional de Matemáticas e Ciencias dirixida ao alumnado de 4º curso de Educación Primaria, que se realiza de xeito periódico cada catro anos. Neste senso, cómpre destacar que Galicia supera tamén os datos xerais de España en 2019. Cómpre ter en conta que as 17 comunidades autónomas participan neste estudo, pero só nove teñen datos desagregados.
As avaliacións, que son acordes aos currículos dos países participantes, están organizadas en tres eixos: as matemáticas e as ciencias que o alumnado debería aprender segundo as políticas e o currículo dos países, o que realmente se ensina nas aulas, as características dos que ensinan e como ensinan, e o que finalmente o alumnado aprendeu.
En TIMSS 2023 participaron 59 países, entre eles España cunha mostra de 500 centros e máis de 10.000 estudantes. Galicia é unha das nove comunidade autónomas que participou nesta edición con ampliación de mostra, xunto con Andalucía, Canarias, Castela e León, Cataluña, Madrid, Navarra, Baleares e Asturias.