O mesmo día comeza a campaña de fomento do comercio local “En Nadal en Cedeira”, con 3.300€ en premios, e por primeira vez unha xincana popular.
O Concello de Cedeira acenderá a iluminación de Nadal este venres, día 6, ás 18.15h, na Praza do Peixe. Tal como sucedeu o pasado ano, e como un xesto que se prevé xa manter no futuro, o goberno local pon nas mans das persoas usuarias de Apader o acto do acendido para subliñar o forte vencello que existe entre o colectivo e a localidade. O mesmo día comezará a campaña de fomento do comercio local, que co lema “En Nadal, en Cedeira” repartirá 3.300€ en premios. De venres a domingo, ademais, os comerciantes propoñen a xincana “Mensaxe secreta de Nadal”.
O acto que se vai desenvolver na Praza do Peixe, onde estará situada unha árbore de luz, terá tamén unha compoñente musical moi participativa. Diferentes agrupacións e asociacións sucederanse cantando e tocando panxoliñas e outras cancións, de maneira que a cita convertirase nunha mostra da grandísima afección á música que existe na localidade.
A iluminación de Nadal en Cedeira esténdese este ano a algunhas rúas máis e chega de novo a todas as parroquias. A principal novidade estará na rotonda da praza de Galicia, en cuxo centro vai colocarse un teito parcial de luces baixo unha estrela fugaz e a mensaxe Bo Nadal dando a benvida á xente neste punto tan transitado. As rúas principais do casco vello terán un teito de luces e na praza da Marieta haberá un oso deseñado para empregarse como “photocall”.
O parque dos Patos tamén contará cunha iluminación especial.
Un ano máis a campaña de fomento das compras no comercio local conta coa adhesión dun alto número de establecementos. Arredor de 170 tendas e negocios de moi diferentes sectores, desde estética ata seguros, participan na iniciativa. A promoción consiste no reparto de rifas entre as persoas que consuman nos establecementos a partir deste venres, para participar no sorteo de 3.300€ en vales de compra de diferentes importes. O sorteo será na fin de semana do 11 de xaneiro, despois das festas, e como é habitual será un acto moi animado, con música e unha alta afluencia de veciños e veciñas.
Os comerciantes estrean tamén esta fin de semana, aproveitando o festivo do venres e co comezo da campaña, a xincana “Mensaxe secreta de Nadal”. É un xogo aberto a grupos de entre 3 e 5 persoas, de calquera idade, que terán que ir descubrindo as pistas, dispostas en diferentes escaparates de establecementos da vila, para compoñer unha frase. Os equipos que completen o xogo correctamente entrarán no sorteo dun vale de compra por valor de 100€ patrocinado pola empresa Merluza do Norte. Para seguir os detalles da xincana pode seguirse a conta de Instagram @decedeira.