No acto conmemorativo do 46.º aniversario da Constitución Española, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno en Lugo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, salientou a importancia deste “texto fundamental como elemento de unión entre todas e todos os españois”, xa que, dixo, ofrece o marco “para afrontar os retos do presente e do futuro”.
“A Constitución leva 46 anos servindo a España e a Galicia, garantindo dereitos e liberdades, pero agora é o momento de pensar nos retos que temos por diante como sociedade democrática”, subliñou Besteiro. Entre eses retos, destacou a necesidade de impulsar a vivenda pública para todas e todos os cidadáns, defender a igualdade de xénero e manter unha loita firme contra a violencia machista.
Neste senso, Besteiro fixo fincapé na importancia de apostar por uns servizos públicos de calidade, destacando que “o marco configurado pola Constitución segue vixente, garantindo un sistema institucional que debemos fortalecer e manter activo para o futuro”. Neste contexto, subliñou a importancia de falar e debater sobre a reforma constitucional, sempre desde o compromiso coa defensa do texto como pedra angular da democracia.
O acto, que reuniu a representantes institucionais e sociais de toda Galicia, entre os que se atopaban o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e as deputadas Lara Méndez e Patricia Otero e o senador César Mogo, e a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen reafirmou o compromiso do Goberno co acceso á vivenda e a erradicación da violencia machista como dereitos constitucionais claves para fortalecer a democracia actual.
Afirmou Besteiro que, o acto serviu como punto de reflexión sobre a relevancia da Constitución e a necesidade de preservar os valores que defende. “Celebramos hoxe non só o legado da Constitución, senón o compromiso co seu espírito para seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta”, concluíu Besteiro.