. O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que constitúa o Consello da Memoria Democrática de Galicia. O secretario xeral do PSdeG e portavoz na Cámara autonómica, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse recentemente en Ferrol con representantes de entidades do eido da memoria histórica para analizar o impulso dese órgano. Tras visitar o Arquivo Militar Noroeste, no que se custodia abundante documentación relacionada coa represión franquista, Besteiro mantivo un encontro na Casa do Pobo ferrolá no que avanzou as accións que desenvolverán os socialistas co fin de cumprir ese obxectivo.
A través das anteditas iniciativas parlamentarias, que acaba de rexistrar a deputada Paloma Castro, ínstase á Xunta a acordar cos grupos políticos a creación do Consello e recórdaselle a obriga de cumprir coa Lei, garantindo o coñecemento da historia e a difusión da memoria democrática.
A parlamentaria socialista salienta a necesidade de constituír ese órgano para facilitar a participación da cidadanía, a través dos representantes democráticos, na vida política, económica cultural e social. Trataríase dun órgano de participación colexiado e permanente con carácter técnico e consultivo adscrito á consellería competente (neste momento, a de Presidencia) “para o asesoramento, información, debate, estudo e propostas na defensa e promoción dos dereitos humanos”.
O seu traballo xiraría en torno da “recuperación da memoria democrática e a súa difusión e o recoñecemento institucional e social das persoas asasinadas, desaparecidas, perseguidas e represaliadas durante o golpe militar, a guerra e a ditadura franquista” no ámbito de Galicia. Castro salienta que a Xunta ten que desenvolver accións de recoñecemento e reparación ás vítimas e accións pedagóxicas encamiñadas ao coñecemento para que aqueles feitos non se repitan.