Os betanceiros inflixen a primeira derrota aos líderes.
Nin nas mellores previsións. O Ineltrón Santo Domingo Betanzos visitaba o Pavillón de Deportes Presidente Adolfo Suárez, onde xoga habitualmente o Círculo Gijón, e ben poucos, propios e alleos, contaban cun resultado como o que se trouxo o sábado á noite o equipo de Doc de terras asturianas. Avisaba o adestrador betanceiro que o encontro era un deses encontros que lles gusta xogar aos xogadores e, visto o rendemento na pista, pouco se equivocou. O Círculo chegaba líder invicto á cita cos seus, con 8 vitorias en oito partidos, liderando tamén varios apartados estatísticos (entre eles os de rebotes e anotación), e quen parecía ser a vítima propiciatoria para sumar a novena e seguir encabezando sen mácula o Grupo AB da Tecera FEB, acabou converténdose no seu auténtico verdugo.
O partido foi un partido dos que dá gusto ver, con igualdade, velocidade e anotación, e se ben as cábalas ían ata onde podía aguantar o Santo, que marchou 51-54 ao descanso, o paso dos minutos, cos betanceiros aguantando os intentos dos xixoneses para darlle a volta á tortilla, logrou que os seareiros comezasen a albergar a esperanza de levar o gato á auga. E así foi. Samu Barros puña por diante ao Círculo 91-90 a falta de 1 minuto e 46 segundos, un tiro libre de Brezo volveu colocar o empate a falta de 1:30 e un enorme Luis Portilla, que con seguridade fixo un dos mellores partidos da súa carreira, sumaba unha tripla a falta de un minuto escaso, para pór un 91-94 que obrigaba a Nacho Galán, o adestrador do Circulo, a pedir tempo morto. Volveron do “minuto” a por todas os xixoneses, que buscaron a tripla do neerlandés Hoxum, e o fallo dende o 6,75 obrigou a facer unha falta que Dani Martín non desperdiciou (2 tiros libres para o 91-95 a falta de 35 segundos) aínda que non todo estaba dito, nin moito menos. Volveuno intentar o xogador do Círculo e, desta volta, para nerviosismo xeral, con acerto. 94-96 a falta de 33 segundos. Porén, o ataque betanceiro acabou en canastra dun Brezo que, logo do tiro á desesperada de Hoexum, aínda puido levar aos 100 puntos aos betanceiros, se acertase o segundo tiro libre que lanzou a falta de 10 segundos.
94-99. Extraordinario partido do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, cun Luis Portilla enorme, como se dixo (22 puntos, 14 rebotes e un 33 de valoración), un Dani Martín que volve pasar de vintena de puntos (e lévao facendo tres partidos consecutivos) e un Abelleira, intratable na primeira parte, que sigue sumando: 17 puntos e 11 asistencias. Porén, a cousa non debe quedar aí, xa que a totalidade dos nove xogadores que viaxaron a Gijón o deron todo para lograr unha vitoria que tardará tempo en esquecerse: bos minutos de Cayado (cunha tripla nun momento clave), bos números de Brezo (13 puntos e 5 rebotes), boas achegas dos interiores ( Rozas 7 puntos e 6 rebotes; Pepe Moreno 7 puntos e 4 rebotes) e participación dos máis novos da plantilla, Latas e Ernest, que seguen sumando minutos na categoría (con cadanseus 2 puntos e 1 e 3 rebotes, respectivamente).
Así valoraba o partido Antonio Díaz, “Doc”, durante a viaxe de regreso a Betanzos: “Fixemos un partido moi completo, a verdade. Hoxe todo o mundo estivo enchufado, ademais do acerto, sempre necesario, conseguimos un nivel defensivo excelente, a pesar do marcador, froito do alto ritmo de xogo por parte de ambos os dous equipos. E esa solidez durante os 40 minutos foi a clave”.