Este martes 10 de nadal celebrouse o “Día de lembranza e homenaxe a tódalas vítimas do golpe militar, a guerra civil e a ditadura” ca entrega de documentos de recoñecemento por parte do Presidente do goberno e o Ministro de Memoria histórica a familiares de vinteún represaliados en representación de tantos outros que foron perseguidos nesas décadas; hai que sinalar que entre eles había un profesor católico asasinado por republicanos.
Foi especialmente relevante encontrar a tres personaxes galegas na listaxe: o maxistrado Francisco Javier Elola, que se ocupou do sumario por rebelión contra o golpe feixista e foi por eso fusilado, Xosé Fortes, fundador da Unión Militar Democrática e depurado ao final da ditadura, e Alexandre Bóveda, fusilado pola súa condición de dirixente do Partido Galeguista.
Estiveron presentes, ademais do propio Xosé Fortes, familiares de Elola e de Bóveda, en concreto a súa filla Amalia e o seu neto Valentín. Estivo presente igualmente Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista, que asistía como secretario xeral da Alianza Evanxélica Española, pois unha das vinteún persoas recoñecidas foi unha mestra protestante, fusilada estando embarazada de oito meses pola súa fe e a súa militancia progresista.
En conversa co presidente do Partido Galeguista Xesús Manuel Suárez, Amalia Bóveda amosou a súa emoción, pero tamén o seu desacougo porque o xuízo e a condena de Bóveda non teñen sido aínda revertidos e cancelados, como sucedeu, por exemplo, con Miguel Hernández, outro dos homenaxeados.
Foto portada. Xesús Manuel Suárez, Amalia Bóveda e Xosé Fortes no acto