As panxoliñas regresan este Nadal ao Palco da Música de Méndez Núñez

A partir deste mércores e ata o sábado 21 de decembro diferentes agrupacións actuarán a partir das 19.00 horas neste espazo.

O Concello da Coruña recupera este Nadal as panxoliñas no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, polo que pasarán diferentes agrupacións entre este mércores 11 e o sábado 21 de decembro. Estas actuacións forman parte da programación que o Goberno de Inés Rey promove durante un mes para celebrar estas datas nos diferentes barrios e espazos públicos da cidade.

«Da man do tecido cultural e das agrupacións da cidade promovemos a música propia do Nadal nun espazo único, que durante estas semanas estará cheo de atraccións e actividades para todas as idades», indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Durante as vindeiras semanas diferentes asociacións e agrupacións musicais subirán ao Palco da música para actuar, de 19.00 a 19.30 e de 20.00 a 20.30 horas, ante o público coruñés.

Ademais, nos xardíns de Méndez Núñez hai instaladas atraccións e postos recreativos para todas as idades durante este período de Nadal. Ademais, a partir do 20 de decembro e ata o 5 de xaneiro celebrarase a primeira Feira Artesá de Nadal nos xardíns de Méndez Núñez, con diferentes propostas de artesanía inspiradas tamén nestas datas.

Ademais, este sábado 14, a partir das 17.00 horas, haberá unha ruta musicalizada entre o Obelisco e o Teatro Rosalía de Castro a cargo da Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán xunto coa Asociación Costumes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios