O prazo de preinscrición está aberto ata o xoves 12 e as actividades comezarán o 29 de xaneiro.
Desde hoxe e ata este xoves 12, pódese realizar a preinscrición para a nova programación de actividades socioculturais que se levarán a cabo en toda a rede de centros cívicos da cidade durante o primeiro semestre do 2025. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, subliñou que «as actividades dos centros cívicos, nas que participan máis de 10.000 persoas cada ano, son unha ferramenta fundamental para fomentar a socialización e loitar contra a soidade non desexada».
A programación deste primeiro semestre cubre un amplo abano de actividades para todas as idades -menores de ata 12 anos, interxeracionais e para maiores de 60 anos-, ás que se suman un total de 40 clubs. A oferta de programación inclúe actividades relacionadas co benestar (pilates, tai-chi, yoga, aeróbic), artísticas (canto, pintura), artesanais (gancho, costura, bordado), cociña e cultura, entre moitas outras. Ademais, a programación específica para maiores abrangue actividades de memoria e orientadas ao manexo das novas tecnoloxías. As ideadas para os máis pequenos, ademais de actividades lúdicas, ofrecen tamén apoio escolar e inglés.
A preinscrición poderá realizarse desde hoxe, cubrindo o formulario que estará habilitado na páxina web do Concello. Soamente aquelas persoas que non teñan acceso a Internet poderán realizala chamando por teléfono ao número 881150637 en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
Cada persoa poderá solicitar como máximo tres actividades e tres clubs por orde de preferencia. Neste sentido, a persoa solicitante terá que cubrir un formulario, referente ás actividades; e asistir ao seu centro cívico para escoller as súas preferencias no tocante aos clubes. As persoas empadroadas no Concello da Coruña terán prioridade fronte a solicitantes doutros concellos.
Os prazos de publicación das listaxes
As listaxes provisionais das preinscricións publicaranse o 19 de decembro e poderán presentarse reclamacións o día 20 de decembro, a través do teléfono gratuíto 010. O día 23 de decembro levaranse a cabo en cada centro cívico dous sorteos independentes para a adxudicación das prazas: un, para as actividades, e outro, para os clubs.
As listaxes das persoas admitidas publicaranse o día 10 de xaneiro nos centros cívicos e na web do Concello. Tamén poderán consultarse a través da oficina de atención ao cidadán (teléfono 010). A inscrición e o pagamento das taxas faranse os días 15, 16 e 17 de xaneiro. A partir do 22 de xaneiro xestionarase a listaxe de agarda. As actividades comezarán o día 30 de xaneiro.