Os usuarios e usuarias trasladan as súas queixas ao considerar que «a comida é insuficiente e, moitas veces, requente de varios días»
O Partido Popular de Samos, en defensa dos maiores, presentou unha moción neste pleno pasado para garantir que os residentes das vivendas comunitarias “teñan todos os días un menú axeitado ás súas necesidades alimenticias”.
O portavoz, Miguel Gallego, explica que “presentada a moción na que se instaba a alcaldesa a que tivesen todos os días un menú no que se incluíse un primeiro prato de culler e un segundo con carne ou peixe, atopámonos con que o BNG, que tanto reclama a outras administracións, vota en contra de mellorar a alimentación que se dá no centro”.
Os usuarios e usuarias trasladan as súas queixas ao considerar que “a comida é insuficiente e, moitas veces, requente de varios días. O goberno bipartito di que contrataron unha cociñeira, pero o seu traballo alcanza 5 días á semana e o resto dos días os maiores teñen que comer das sobras da semana”. Incluso “algúns usuarios nos contaron que teñen que ir comprar ao supermercado. Este é o trato que o bipartito da aos maiores de Samos”, advirte o popular.
Os populares tamén preguntaron no pleno pola lista de espera do SAF que “segue en aumento debido á mala xestión do bipartito. Tristemente, só diminúe cando falecen persoas que demandaban o servizo”.
“Un dos motivos polos que non se prestan máis horas de atención ou se lle ofrece o servizo a novos usuarios é porque non se contrata novo persoal”, explica o popular. Gallego subliña que “non serve a escusa de que non hai cartos porque a concelleira de servizos socias segue cobrando a súa nómina, a pesar de que leva 2 meses sen aparecer polo centro, do cal é a responsable do seu bo funcionamento. En cambio as traballadoras que van todos os días, non vén melloradas as súas condicións laborais acorde a nova lei”, conclúe.