Besteiro enxalza a figura de González Laxe como símbolo “do compromiso coa modernización de Galicia”

Na homenaxe ao primeiro presidente socialista, o secretario xeral do PSdeG tamén reivindicou o labor de Emilio Pérez Touriño á fronte do Goberno galego e sinalou aos seus mandatos como exemplos de cómo “aproveitar o público co fin de mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enxalzou hoxe a figura de Fernándo González Laxe como político e como profesor universitario, “dúas vidas nas que hai moito paralelismo”. Momentos antes da homenaxe que lle brindaron a Laxe o Foro Económico de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, Besteiro lembrou que foi con el, o primeiro presidente socialista de Galicia, cando se crearon as universidades da Coruña e de Vigo, e, en relación a ese impulso aos estudos superiores, destacou que “concibiu a vida universitaria como verdadeiro ascensor social”.

En canto á súa faceta política, sinalouno como “un exemplo” do que debe ser un presidente, un símbolo «do compromiso coa modernización» de Galicia e «do que significa gobernar pensando na xente”. Ese exemplo seguiuno “outra figura do mundo académico como foi Emilio Pérez Touriño”. Ambos, dixo, “deixaron unha impronta de como facer política e como aproveitar o público para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

“Xustamente iso é o que reivindicamos os socialistas nestes tempos”, afirmou José Ramón Gómez Besteiro para explicar: “Agora que temos retos por diante como o financiamento autonómico, os fondos europeos e oportunidades que Galicia non pode perder, reivindicamos o legado de Laxe e Touriño, a súa forma de facer política”.

A preguntas dos medios de comunicación, o tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego referiuse ao rumbo que tomou a comisión de investigación sobre a contratación da Xunta do PP, que cualificou de “completo disparate”. “Xa o dicía ao principio da comisión, facendo un pouco de profeta”, ironizou, e insistiu en que o Partido Socialista tivo a responsabilidade de participar nela incluso “sabendo como vai rematar”.

Besteiro criticou que os traballos se están a desenvolver “en tempo récord para pechar todo antes do Nadal” e ter un ditame “antes da Noiteboa”. Tamén afeou que PP e BNG trataran de negociar as comparecencias, algo para o que non se contou co PSdeG. “O resultado cal foi? Unha comisión de investigación como quere, por onde quere e co final que quere o Partido Popular, que é non aclarar nada”, lamentou. Pero tamén avisou de que os socialistas xa están a traballar sobre o escenario “posterior á comisión”.

“Imos seguir con este asunto porque a comisión non resolve o que cremos que debe resolver: a verdade do sobrecusto de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro e o porqué das contratacións relacionadas directisimamente con familiares e altos cargos do PP en tempos de covid”, avanzou o secretario xeral socialista, que non descartou ningunha posibilidade co fin de esclarecer “o modus operandi do PP, que se foi reproducindo constantemente”. Cuestionado polos medios acerca de se o PSdeG vai acudir á vía xudicial, Besteiro dixo: “Nunca se pode excluír nada, pero cada cousa ten o seu momento”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios