Das 1.900 cooperativas rexistradas en Galicia, preto de 800 ubícanse en pequenos municipios rurais “creando emprego e actividade económica que contribúe á fixación de poboación”.
O Pazo de Mariñán foi o escenario hoxe da xornada “As cooperativas como ferramenta para un desenvolvemento sostible”, unha xornada organizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop en colaboración coa Deputación da Coruña. Este encontro, que forma parte do programa de actividades conxuntas desenvolvido en 2024, reuniu a máis de medio centenar de profesionais, cooperativistas e representantes de administracións públicas para reflexionar sobre o papel das cooperativas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e na implementación da Axenda 2030.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou “a importancia do cooperativismo no desenvolvemento do rural de Galicia”, salientando que na comunidade hai rexistradas actualmente 1.900 cooperativas, das que preto de 800 ubícanse en pequenos municipios rurais, “creando emprego e actividade económica que contribúe á fixación de poboación”. Aínda que unha parte importante delas centran a súa actividade no sector primario, cada vez son máis as cooperativas do sector terciario.
Formoso sinalou ademáis que o cooperativismo e a economía social na que se sutenta“son fórmulas que a Deputación comparte e que van en aumento, pero necesitan ser apoiadas e coñecidas” e destacou “o apoio constante da Deputación tanto a emprendendores como a profesionais autónomos no rural, con máis de 5 millóns en axudas este ano a través do Plan de Emprego Local (PEL)”.
Pola súa banda, Daniel González Palau, director do IGADI, que abordou o tema “Os ODS e a Axenda 2030: cara á sostibilidade”. Na súa intervención destacou como a Axenda 2030 propón un cambio de paradigma, no que as cooperativas poden liderar procesos de transformación grazas á súa natureza solidaria e os seus valores democráticos.
Mesas temáticas: cooperación, valores e impacto
A primeira mesa temática, titulada “A economía social nas Axendas Urbanas”, contou coas intervencións de Carme Casado, do Concello de Santiago de Compostela, e de Claudia Rodríguez, representante de Alén S. Coop. Galega. Ambas relatoras analizaron o impacto da economía social nas cidades, exemplificando como a implementación dos ODS pode converterse nunha ferramenta de transformación urbana e comunitaria. A mesa foi dinamizada por Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, quen resaltou a importancia de incorporar perspectivas cooperativas nas políticas públicas. «O modelo cooperativo está chamado a liderar os cambios que a sociedade necesita para avanzar cara á sostibilidade. A proximidade dos nosos principios aos ODS non é casual, porque as cooperativas sempre puxeron as persoas no centro, priorizando o benestar colectivo. Esta xornada foi unha oportunidade para reafirmar ese compromiso e para demostrar que as cooperativas galegas son un exemplo real de transformación social”, sinalou Olveira.
Na segunda mesa, “Valores cooperativos e contribución aos ODS”, moderada pola cooperativa Somos Terra, presentáronse casos de éxito de entidades como Feitoría Verde, Árbore Consumo Consciente e Aventeira. Estes exemplos demostraron como os principios cooperativos son compatibles cos ODS, convertendo ás cooperativas en protagonistas dun desenvolvemento sostible e resiliente.
Ambas mesas abriron un espazo de diálogo co público, no que se intercambiaron ideas sobre estratexias e ferramentas para mellorar a implementación dos ODS no contexto galego.
O evento rematou cunha invitación a continuar o traballo conxunto entre administracións, cooperativas e cidadanía para que os ODS se convertan nunha realidade no territorio galego.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.