O PPdeG considera que a Conferencia de Presidentes de mañá é unha oportunidade para que Pedro Sánchez «dea unha boa nova a Galicia» pero ten claro tamén que para iso é necesario que deixe de pensar só nunha comunidade e pense en todas: «A pelota está no seu tellado e, se de verdade hai vontade de chegar a acordos, haberá acordos».
«Todas as comunidades, non só a nosa, agardamos que a Conferencia teña máis utilidade que a rolda de encontros bilaterais», engadiu hoxe a secretaria xeral Paula Prado rememorando a reunión de Alfonso Rueda con Pedro Sánchez celebrada o pasado 19 de setembro. Unha reunión na que «o presidente Rueda cumpriu defendendo a dignidade de Galicia e os intereses dos galegos e das galegas ante o Goberno central pero a outra parte, que ten a chave para un bo número de asuntos, volveu dicir que non é a quenda de Galicia».
De aí que, de cara á convocatoria de mañá, os populares agarden que Alfonso Rueda poida «regresar non só con boas palabras, senón con acordos beneficiosos para Galicia». Non en balde, o presidente galego acudirá cunha axenda de importantes asuntos como a vivenda, o financiamento, a inmigración, a dependencia e outros problemas comúns a todos os territorios.
Paula Prado lamentou que Pedro Sánchez «só teña ollos para unha comunidade á que se vendeu por 7 votos e que agora mesmo se lle rebela, ou como moito para dúas, porque todos sabemos da devoción do Goberno central polo nacionalismo vasco única a exclusivamente tamén polos seus votos».
A número dous dos populares galegos arremeteu ademais cara unha oposición á que reprochou a súa postura cada vez que se acerca unha cita deste tipo: «Ao BNG e ao PSdeG pedímoslle que defendan, con nós, a dignidade de Galicia e deixen de buscar inimigos onde non os hai»
Neste sentido, amosouse sorprendida de que os nacionalistas teñan «o atrevemento de dar leccións e a cara de dicir que o presidente Rueda non acude coa axenda galega cando foron os primeiros en traizoala apoiando a investidura de Pedro Sánchez, vendendo fume aos galegos cun pacto repleto de incumprimentos».
«O BNG leva anos subordinado ao que lle pide o Goberno central e os seus socios independentistas», concluíu ironizando con que «en vez de tanto pedir a independencia de Galicia, mellor nos iría se se independizasen de Pedro Sánchez».
No que se refire á actitude do PSdeG, Prado constatou que, como xa se demostrou tantas veces, o socialismo galego «é incapaz de separarase de Sánchez e ver todo o dano que está facendo a Galicia».
O CALENDARIO DE ADVENTO DE AGRAVIOS DO GOBERNO CENTRAL
Á vista dos numerosos agravios do Goberno central a Galicia, que os populares galegos están expoñendo estes días nas súas redes sociais en forma de Calendario de Advento, a secretaria xeral do partido ten claro que «este ano Sánchez tampouco vai ser Papá Noel con Galicia».
«Pedímoslle a Pedro Sánchez que neste Nadal non sexa Pedro Grinchez, que deixe de enredarse en tramas e subtramas de corrupción e que exerza dunha vez de presidente do Goberno, que xa vai tocando. E se non o fai, que busque canto antes a porta de saída», incidiu.