No concerto, que terá lugar no Teatro Colón e será de acceso libre ata completar a capacidade prevista, levarase a cabo un percorrido pola vida e obra de Puccini, que rematará coa ópera que nunca puido concluír, Turandot
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) ultima xa os preparativos do seu novo concerto no Teatro Colón, que terá lugar este domingo 15 (12.15 horas) e no que se lle renderá homenaxe a unha figura mítica da música universal, o compositor italiano Giacomo Puccini, co gallo do centenario do seu pasamento.
A actuación desta fin de semana, que dá continuidade ao ciclo de outono da Banda, reforza a programación cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey de cara a estas datas festivas. Neste sentido, o concerto da Banda será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no Teatro Colón, unha liña estratéxica coa que o Goberno de Inés Rey está a traballar en visibilizar e achegarlle á cidadanía a tradición e versatilidade da Banda, que mestura múltiples rexistros e xéneros.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor a aposta desta fin de semana, con Puccini como protagonista, «por ser un dos grandes dominadores da escena operística de todos os tempos». O concerto do domingo, que estará dividido en dous actos, permitiralle ás e aos asistentes vivir un percorrido pola vida de Puccini, con punto de partida no seu Preludio Sinfonico e punto final na última ópera do compositor, Turandot, que nunca puido concluír.
O director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, apuntou precisamente ao especial desta última peza, «xa que tras a súa morte en Bruxelas, no ano 1924, foi un discípulo seu, o napolitano Franco Alfano, o que a rematou». Llopis prevé que o concerto deste domingo sexa «apaixoante», «porque, en termos musicais, Puccini levaba as súas personaxes ao extremo da súa sensibilidade, e iso será o que perciba o público».
Durante a actuación tamén haberá tempo para gozar coa partipación dun solista ao cello. Será Ilia Keillin, profesional da Banda Municipal que cobrará protagonismo no primeiro acto.
O concerto de Nadal da Banda, ás portas de comezar
O concelleiro Gonzalo Castro, que convidou a cidadanía a asistir ao concerto do domingo, destacou a boa recepción que está a ter a programación da Banda entre a cidadanía, e puxo como exemplo a última actuación no Colón baixo a batuta da directora valenciana Beatriz Fernández Aucejo, «que foi un éxito rotundo».
Coa actuación prevista este domingo no Teatro Colón, a BMMC quenta motores de cara ao seu concerto especial de Nadal, «que chegará cargado de sorpresas», tal e como avanzou Juan Miguel Romero Llopis.