Xa non son as da terra prometida que describía Steinbeck tan crúamente na súa colosal novela, agora son actualidade porque, nestas datas e en España, a parella que presentará ese momento -o de comer as uvas- ao son das badaladas na noitevella ocupa o interese televisivo, que vén de revolucionarse porque na canle pública, Televisión Española, foron elixidos o presentador de moda, David Broncano, e Lalachus, unha das colaboradoras da exitosa «La Revuelta».
Se quedabamos alguén por coñecer á cómica e actriz Lalachus, iso xa é historia, porque desde que o seu nome foi anunciado para esa cerimoniosa transición ao aninovo, non deixou de ser protagonista ao seu pesar, vítima de acomplexados, machistas e homiños que a atacaron sen piedade por non ser a típica modelo que acompaña ao varón aos actos e se loce coma un xarrón chinés. Porque resulta que está gorda. Si, imperdoablemente na tele saen mulleres con corpos que quizais non resulten desexables para os homes que as ollan, obxectivo principal para o que cren nacemos e existimos. Preocupados iso si pola saúde da susodita, que xa podía coidarse algo aínda que non fose só polo asunto físico, opina José Manuel ca cervexa apoiada na panza mentres dá consellos de vida sán. Outros temen polo balcón onde retransmitirán o entrañable momento da entrada a 2025, nerviosos de que veña abaixo porque hai unha muller que sobrepasa os cincuenta quilos enriba del, non coma Chicote cando pesaba cento e pico, no que ninguén reparaba porque xa sabemos onde estaba a atención posta. Non é máis que a enésima demostración da ignorancia e rancio machismo que sofre calquera muller, pero máis virulenta se cabe cando non pertences ao canon de beleza establecido, porque se non estás boa, para que imos mirarte? Afortunadamente, nese deserto intelectual televisivo diario, o servizo público que pagamos relixiosamente todas e todos en base aos nosos impostos, aposta por algo máis que o convencional e estéticamente aceptado. Tampouco é sen tempo.