O Concello dá continuidade ao seu plan integral de intervencións nos parques infantís da cidade. Nas últimas semanas tamén se actuou nas instalacións situadas en Monelos e Monte Alto.
O Concello xa está a traballar no parque infantil da rúa Miguel Hernández, no barrio de Elviña, para renovar o caucho da superficie de xogo, unha intervención de mantemento habitual neste tipo de espazos, onde o firme experimenta, co paso do tempo, erosión e deterioración derivadas tanto do uso diario como pola exposición dos materiais ás inclemencias meteorolóxicas.
Neste sentido, o parque infantil de Miguel Hernández emprégase habitualmente pola rapazada do barrio e tamén polo alumnado dos colexios próximos, como o CEIP María Pita e Ramón de la Sagra. Por iso, ademais de intervir no caucho, o Goberno de Inés Rey tamén aproveitou para acondicionar as randeeiras dalgunhas estruturas de xogo, co obxectivo de reforzar a seguridade das crianzas.
A intervención nesta área infantil de Elviña, que supón un investimento de 45.000 euros, é a terceira que se executa neste último trimestre do ano tras as executadas previamente a carón do centro cívico de Monelos e no parque Carlos Casares, no sector norte do barrio de Monte Alto.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou hoxe que o Concello «está a traballar nos parques infantís da cidade baixo un formato de continuidade, atendendo as solicitudes das familias e tamén identificando posibles puntos de mellora en cada unha das instalacións, onde se están a habilitar, pouco a pouco, randeeiras adaptadas e accesibles para nenas e nenos con mobilidade reducida».