A solicitude poderase facer na páxina web do Concello desde hoxe e ata o este mércores 18.
O Concello da Coruña abre este luns, 16 de decembro, o prazo para inscribirse como figurante na Cabalgata de Reis, que se celebrará na tarde do 5 de xaneiro. A convocatoria está destinada a menores de idade que a 31 de decembro de 2024 teñan unha idade comprendida entre os 7 e os 11 anos.
As prazas máximas ofertadas nesta convocatoria serán 250, 15 máis que hai un ano. Non obstante, o número exacto determinarase no momento de adxudicárense as prazas. Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey quere implicar os nenos e nenas da Coruña nunha celebración moi esperada por todos eles e elas.
O período de solicitude abriuse este luns 16 ás 9.00 horas e finalizará o mércores 18 ás 14.00 horas. As persoas interesadas e os seus titores legais poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario que será habilitado na páxina web: Inscripción para figurantes en la Cabalgata de Reyes 2025 . O 20 de decembro levarase a cabo o sorteo das prazas e publicarase a listaxe de persoas solicitantes.
Asignaranse prazas, por sorteo, en todas as carrozas municipais, así como nos trens, coa única excepción dun tren, que terá carácter solidario. En total, as persoas solicitantes que resulten agraciadas serán situadas nos vehículos, incluíndo as carrozas das súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar.
As persoas seleccionadas deberán presentar a inscrición cuberta e asinada xunto coas normas que teñen que cumprir entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro no Coliseum, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Recibirán nese momento toda a documentación coas instrucións necesarias para participar na Cabalgata de Reis.