De Ninghures estrea mañá, martes 17, ‘A Burriña’, o segundo adianto do seu novo traballo discográfico

A banda continúa a avanzar coa súa particular renovación da tradición, e desta quenda presentan un tema que aborda a imaxe do traballo das mulleres.

De Ninghures afonda na súa aposta pola renovacion das músicas de raíz e por crear un novo camiño na actualización da tradición, cos pés na terra mais desde un prisma contemporáneo. Este martes, 17 de decembro, a formación dará a coñecer A Burriña, unha peza que aborda a imaxe do traballo da muller e que se presentará coma un torrente de forza, ateigado de cordas vibrantes e país.


O tema, o segundo avance do novo traballo discográfico da banda -que verá a luz nos primeiros meses de 2025, e do que xa se coñece Corazón alionado-, está producido por

Juan de Dios Martín e poderase escoitar a partir das 00.00 horas deste martes 17 nas principais plataformas dixitais. A formación publicou onte, día 15, no seu perfil de Instagram, un pequeno adianto do que o público descubrirá esta noite.


Ao igual que Corazón alionado, o tema que a banda deu a coñecer no mes de novembro, A Burriña é unha peza cun marcado carácter, e que a través de letras propias e da revisión de coplas tradicionais, aborda a imaxe do traballo da muller e a súa falta de recoñecemento malia o seu esforzo silencioso, constante e necesario.


De Ninghures


De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.


En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñece Corazón alionado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios