Inés Rey: “As vosas palabras, opinións e ideas son sementes, e esas sementes poden dar froitos reais”

A alcaldesa e o Goberno local atenderon as propostas do alumnado participante no programa Sementando Participación, realizado polo Concello coa Fundación Educo.

O Centro Sociocultural Ágora acolleu esta mañá o acto de clausura do programa Sementando Participación, unha iniciativa promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Educo, que pon o foco na importancia de escoitar e dar espazo á participación dos nenos e nenas na vida pública. En total, 144 alumnos e alumnas de varios centros educativos da cidade presentaron os seus proxectos, resultado dun traballo conxunto ao longo dos últimos meses.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada por concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, presidiu o acto de presentación das propostas. Rey destacou o papel esencial dos máis pequenos e pequenas na construción dunha cidade máis xusta e inclusiva: «Hoxe celebramos que as vosas voces non só se escoitan, senón que inspiran accións reais. Sodes o presente da nosa cidade e as vosas ideas están sementando o futuro da Coruña», dixo.

Así mesmo, lembroulle ao alumnado a importancia de participar e transmitir as súas demandas, poñendo como exemplo a visita hai unhas semanas á rúa San Andrés para plantar unha das primeiras árbores da renovada rúa, a propósito dunha carta remitida por Javier Burque pedindo máis árbores na cidade: «Moitas veces pedides cousas que vos parecen pequenas, pero que en realidade non o son porque transforman a cidade. As vosas palabras, opinións e ideas son sementes, e esas sementes poden dar froitos reais», sinalou.

Os rapaces e rapazas -divididos en grupos representando aos seus centros CPR Calasancias, CEIP Eusebio da Guarda e o Colexio Cid- presentaron proxectos vinculados ao coidado dos animais, medio ambiente, parques infantís, seguridade e arte urbano.

Os proxectos presentados foron:

  • «Refuxo de animais» –  5ºA do Colexio Calasancias: Os alumnos e alumnas propoñen a creación dun espazo para coidar animais abandonados, especialmente cans e gatos, onde se fomente o voluntariado e as actividades de interacción cos animais.
  • «Recíclate» – 5ºB do Colexio Calasancias:Este grupo aposta por incrementar o número de contedores de reciclaxe en toda a cidade, especialmente os destinados á separación de residuos, e desenvolver campañas para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reciclar correctamente.
  • «Arte do grafitti» – 6ºA do CEIP Eusebio da Garda:Propoñen eliminar os grafitis que deterioran a imaxe da cidade e substituílos por murais artísticos que embelecen os espazos públicos.
  • «Móllate pero non xogando» – 6ºB do CEIP Eusebio da Garda:Este proxecto busca cubrir os parques ao aire libre para que os nenos e nenas poidan utilizalos tamén en días de choiva, garantindo espazos de xogo durante todo o ano.
  • «Vixilancia de noite» – 6ºC do CEIP Eusebio da Garda:Os alumnos e alumnas suxiren instalar cámaras de seguridade en puntos ciegos e rúas escuras da cidade para mellorar a seguridade nocturna.
  • «Parque para todxs» – 6º do Colexio Cid:Este grupo propón adaptar os parques da cidade para que todos os nenos e nenas, incluídas aquelas con diversidade funcional, poidan gozar de xogos accesibles nun mesmo espazo.

A alcaldesa subliñou a importancia de fomentar a participación infantil: «Vós sodes os cidadáns máis críticos, pero tamén os máis respectuosos. As vosas propostas non só melloran A Coruña, senón que nos ensinan a mirar a cidade con novos ollos» sinalou.

Tomaron parte do acto para atender as propostas Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade; Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente; Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo; Fran Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda; Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes; Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados; e Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación e Innovación Tecnolóxica.

Canosa tamén quixo felicitar o alumnado e recoñecer o traballo do profesorado e da Fundación Educo, destacando que «proxectos como este son esenciais para construír unha cidade onde todas as voces sexan escoitadas e respectadas». 

Desde o seu inicio no ano 2018, Sementando Participación busca empoderar aos nenos e nenas de A Coruña como axentes de cambio. A través de dinámicas e formación, o programa promove valores como o diálogo, a colaboración e a participación activa, fomentando unha cidadanía máis inclusiva e consciente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios