O Concello da Coruña conxelará as tarifas do bus urbano no ano 2025

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores unha nova sesión plenaria do Concello na que se aprobou definitivamente acometer investimentos por 10,7 millóns de euros para sufragar diversas actuacións en materia de transporte, mobilidade e dinamización cultural. 

Así o expuxo esta mañá o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, na súa primeira quenda de intervención, lembrando que a meirande parte destes fondos servirán para custear case oito millóns que se corresponden coa prestación do servizo de transporte urbano. Lage apuntou que as subvencións aprobadas polo Estado, cofinanciadas polo Concello, «axudaron a recuperar e impulsar o transporte público, facendo que o bus urbano sexa hoxe máis económico para as persoas usuarias que hai dúas décadas». Ademais, durante a súa intervención, o portavoz do Goberno avanzou que o Concello non subirá as tarifas do bus para o ano que vén, quedando conxeladas nas cifras actuais

Lage destacou que o impulso dado polo Gobierno de Inés Rey ao transporte público é palpable en cifras, «xa que este ano chegaremos aos 27 millóns de viaxes, un récord dentro do servizo que se alcanza polo feito de que as persoas usuarias pagan o 50% da tarifa establecida». Porén, o voceiro do Goberno municipal lembrou que «o importe sería menos gravoso para o Concello se a Xunta de Galicia, tal e como establecía o Estado nas bases da convocatoria, asumise unha parte da subvención». O concelleiro apuntou, ademais, ao feito de que a Xunta prorrogase recentemente as axudas para o bus metropolitano, «excluíndo así, unha vez máis, as persoas habitantes das cidades».

Comparte éste artículo
No hay comentarios