Entre as partidas que menos medran, “sanidade e educación”, e políticas activas de emprego “ practicamente conxeladas”
Nun escenario positivo de crecemento da economía española no contexto europeo, “o Partido Popular en Galicia impón para 2025 unhas contas totalmente insuficientes para impulsar a nosa economía e o noso emprego”, apunta o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, “que lastran de novo os servizos públicos básicos para os principais sectores da sociedade galega”. Ademais, segundo o voceiro da formación, faino sen admitir ningunha das máis de mil emendas que a oposición ten defendido no Parlamento galego en representación de moitas galegas e galegos, “coa súa prepotencia habitual para unha Galicia cada vez máis pequena”,
Para Paulo Carlos López, Rueda “impón unhas contas onde oculta, ademais, a débeda de 12.154 millóns de euros” (datos do Banco de España-Boletín estatístico do terceiro trimestre de 2024), un 15,7% do PIB. Movemento Sumar Galicia lembra que cando Feijóo chegou á Xunta en 2009 a débeda situábase no 8,6% e cando marchou para Génova a duplicouna ata acadar un 16,8%. E agora Rueda dinos que a condonación desta débeda non é máis que un “parche” para Galicia.
Para Movemento Sumar Galicia resulta preocupante para a vida da cidadanía galega que os recursos que menos crecen porcentualmente son os que corresponden a Educación, Xustiza, Sanidade, Medio rural e Mar. As políticas activas de emprego mantéñense conxeladas. Pero sí ten un significativo aumento do 7,2% a partida de gastos financeiros para atender á débeda autonómica, que con un importe de 214 millóns está por riba do gastos previstos para medio ambiente ou mesmo para a cultura.
Igualmente, Rueda comprométese a rematar 8.000 vivendas nesta lexislatura, cando os demandantes de vivenda pública en Galicia están por riba dos 18.000. “Toda a vivenda que se promova debe de ser pública de forma permanente e destinada principalmente a alugueiro”, indica López. “A xente moza, os estudantes, traballadores de ingresos xa non baixos senon medios, non poden seguir sen opción de acceso á vivenda no noso país. Iso sí, Rueda négase a aplicar a lei estatal, necesaria para avanzar na vivenda coma un dereito e non coma un xogo especulativo”, remata.