Formoso destaca «o apoio fundamental» que ambas entidades prestan ás persoas con TEA e as súas familias
O pleno Deputación da Coruña aprobou hoxe un investimento de 560.000 euros para a apoiar ás asociacións ASPERGA e ASPANAES na compra de dous novos locais na cidade herculina que ambas entidades precisan para mellorar a atención aos seus usuarios e usuarias.
O apoio económico da Deputación materialízase a través de dous convenios de colaboración refrendados por unanimidade na sesión plenaria deste venres.
O presidente, Valentín González Formoso, destacou que este importante investimento servirá para que ambas as dúas entidades, con centos de socios, «podan dispor de sedes dignas e acordes ás súas necesidades, desde que as que prestan un apoio fundamental para a inclusión sociolaboral das persoas con TEA e para dar soporte as súas familias».
A colaboración da Deputación chega despois das visitas do presidente a ambas entidades durante os últimos meses nas que, entre outras cuestións, trasladaron a necesidade de dotarse destes locais.
Segundo os datos das entidades, en Galicia viven máis de 27.000 persoas diagnosticadas con Trastornos do Espectro Autista. A Deputación colabora coas entidades de persoas con TEA financiando múltiples programas de inclusión e fomento da autonomía persoal e melloras nas súas instalacións.
ASPERGA
Por unha banda, ASPERGA contará coa colaboración da Deputación para adquirir un local axeitado para exercer como sede e ofrecer servizos sociosanitarios destinados a persoas con autismo con grao de apoio 1 e 2 e as súas familias. O valor de compra deste inmoble, situado na Avenida de Oza 240, é de 375.000 euros, dos que o 80% (300.000 €) serán aportados pola Deputación.
ASPERGA naceu en 2006 e a súa actividade está baseada en crear e organizar de diagnóstico e detección temperá de TEA; na atención especializada sanitaria e social; na terapia psicolóxica individual e en grupo; na pedagoxía, logopedia e terapia ocupacional; na formación para docentes e profesionais; e na orientación socio laboral para o emprego.
Actualmente, a entidade conta con arredor de 500 socios e socias aos que se prestan servizos especializados nos centros da Coruña e Santiago de Compostela a través da facilitación da inclusión social, a promoción da práctica do deporte ou a realización de terapias psicolóxicas, logopédicas, de terapia ocupacional e valoracións específicas en TEA. Actualmente, é o único centro da provincia especializado en persoas con autismo de grao tipo 1 e 2, sen discapacidade intelectual nin deterioración da linguaxe.
ASPANAES
Por outra banda, o convenio de colaboración entre a Deputación e ASPANAES permitirá que Asociación de Pais de Persoas con TEA da Provincia da Coruña adquira un local para prestar servizos de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal.
O local, sita no número 2 da rúa José Pascual López Cortón da cidade da Coruña, suporá un investimento de 326.700 euros, dos que 261.360 € (un 80%) serán achegados pola institución provincial.
A provincia da Coruña supón o 67,74% da área de influencia de ASPANAES, que presta atención a centos de persoas con TEA e as súas familias. Para prestar o servizo solicitado, a entidade conta cun equipo humano de 14 profesionais, distribuído en cinco psicólogas e psicólogos, dúas psicopedagogas, catro logopedas, dúas educadoras sociais e unha que ocupa o cargo de terapeuta ocupacional.