Aínda que non se contan con datos definitivos, as cifras coas que se vai pechar este ano son alentadoras. Actualmente hai 45 envasadoras con certificado de produto que apostan polo valor engadido, o que representa un aumento do 13% máis respecto ao ano 2023, con máis de
200.000 kg de mel contraetiquetados, aproximadamente un 20% máis que o ano anterior a estas datas e espérase que aumente antes de pechar definitivamente o ano.
A pesar de que os datos son positivos, o consello regulador debe continuar o seu labor na divulgación dos beneficios da Indicación Xeográfica Protexida. Este esforzo é fundamental para lograr un aumento na participación dos apicultores, o que á súa vez contribuirá ao fortalecemento e crecemento do sector apícola galego.
Recordemos que a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia é a que ten máis incritos, máis colmeas e que máis mel certifica dentro das denominacións de Calidade de España, pero que a potencialidade que ten é moito maior.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte Vidal, asistiu esta semana ao pleno celebrado no Pazo de Quián en Sergude, onde os membros do consello solicitaron apoio para impulsar o sector apícola e fomentar a súa comercialización a nivel nacional e internacional. Durante a reunión, os vogais tiveron a oportunidade de expresar as súas inquietudes e necesidades, facendo fincapé na importancia de implementar unha campaña de control de orixe e rastrexabilidade na produción primaria.
Tamén se lle trasladou ao director a situación actual do sector, que enfronta desafíos como o aumento dos custes de produción debido a varias problemáticas: a presión exercida pola Vespa Velutina, responsable dunha alta mortaldade nas colmeas, a varroa que segue a ser o talón de Aquiles da apicultura e o cambio climático que nos está a afectar en gran medida con respecto
a floración e produción. Tras escoitar aos asistentes, subliñou a relevancia de promover a denominación de Calidade para aumentar a participación do sector apícola galego, destacando as vantaxes e o valor engadido que obteñen os produtos ao inscribirse na Indicación Xeográfica Protexida (IGP).
Ademais, a AGACAL comprometeuse a ofrecer non só apoio na promoción, senón tamén a poñer ao dispor outras liñas de traballo, como formación e investigación, para atender as demandas do sector.
Durante o pleno, tamén se presentaron diversas propostas para a renovación do logotipo e a contraetiqueta, buscando unha imaxe máis fresca e actualizada sen perder a esencia e o valor que representa a contraetiqueta, e que moitos consumidores xa recoñecen como garante de orixe e calidade diferenciada.
Con respecto aos consumidores recordarlles que mercando Mel de Galicia non só están a consumir un alimento cen por cen galego e cunha calidade diferenciada, senón que con elo están a apoiar aos apicultores/as galegos que son os que garanten a polinización dos nosos cultivos, froiteiras e a manter a biodiversidade. Buscade a Contraetiqueta de Mel de Galicia para axudar coa vosa cesta da compra a manter o rural vivo!