A UDC aproba unha nova normativa para un campus sen fume 

A norma, que nace reforzada cun “Plan universidade libre de tabaco, campus sen fume”, prevé accións de sensibilización, formativas, e de apoio ao abandono do tabaco, así como a rotulación de edificios, accesos e zonas ao aire libre dos campus como espazos libres de fume

En liña co marcado nos ODS, por un fomento da saúde, e consciente de que o fume de cigarros convencionais ou electrónicos e doutros dispositivos de vaporeamento afecta tanto a persoas fumadoras como ás non fumadoras que o respiran involuntariamente, a Universidade da Coruña vén de aprobar a normativa “Campus sen fume”.

O documento, aprobado no Consello de Goberno da UDC, establece como espazos libres de fume todos os recintos universitarios, incluíndo non só o interior dos edificios, senón tamén os seus accesos inmediatos, así como as beirarrúas circundantes tal e como se reflicte dende hai anos na normativa vixente, que recomenda non fumar no resto de zonas ao aire libre dos campus, equiparando o vaporeamento ao hábito de fumar tabaco.

Deste xeito, a UDC asume o compromiso de crear un ambiente saudable, sustentable e seguro, para que todas as persoas da comunidade universitaria -estudantes, persoal docente e investigador, persoal técnico de xestión e de administración e servizos, e persoal externo contratado- e as persoas que visitan a Universidade poidan desenvolver axeitadamente o seu traballo.

A nova norma enmárcase no compromiso da UDC cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, recollido no Plan Estratéxico UDC 2022-2026 e reforzado no recente Plan de Vida Saudable e Benestar. En concreto, a súa contribución será significativa para a promoción dunha educación de calidade (ODS 4), unha contorna saudable (ODS 3), un consumo responsable (ODS 12) e tamén para a acción climática (ODS 13), ademais de para a protección dos ecosistemas e a creación de comunidades máis saudables (ODS 15) e sostibles (ODS 11). A finalidade última é que unha medida local, como o mantemento dun campus libre de fume, poida xerar un impacto global en favor do desenvolvemento sostible e o benestar colectivo.

Como medidas prioritarias para o cumprimento desta normativa, prevense a instalación de carteis na entrada das facultades, escolas, e o resto dos edificios dos campus, que os identifique como centros libres de tabaco, cigarros electrónicos e outros dispositivos de vaporeamento; así como a eliminación de cinceiros e outros soportes para cabichas. Esa mesma sinalética colocarase tamén nos espazos ao aire libre dos campus universitarios.

Ademais, realizaranse accións de sensibilización, formación e apoio ás persoas da comunidade universitaria que desexen deixar de fumar, en colaboración con entidades externas á UDC, como a Asociación Española contra o Cancro, no marco da Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), entre outras, e coa participación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, a Oficina de Sustentabilidade e a UDC Saudable.

Plan libre de tabaco, campus sen fume

A normativa sobre o campus sen fume da Universidade da Coruña nace acompañada para o seu desenvolvemento do “Plan libre de tabaco, campus sen fume”; cuxos principais obxectivos programáticos son potenciar os campus sen fume, fomentar a norma social de non fumar nin vaporear e sensibilizar e formar sobre os beneficios de facelo, facilitar o abandono da dependencia do tabaco.

Este plan implantarase no curso académico 2024/2025 no Campus de Ferrol e estenderase a continuación, de xeito progresivo, aos diferentes espazos do Campus da Coruña.

Entrada en vigor e responsabilidade

A nova norma entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade (TEO). O seu incumprimento terá a consideración de falta leve e será sancionada con apercibimento, salvo se a conduta fose reiterada, que será considerada falta grave e sancionada conforme ao disposto nas leis aplicables ás infraccións desa natureza; sen prexuízo das infraccións e sancións reguladas na normativa estatal e autonómica fronte ao tabaquismo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios