85-97:O Calvo Xiria leva o derby de Tercera FEB
Dura derrota para o Santo Domingo Betanzos fronte a un rival directo. Se o inicio do partido brindaba certo entusiasmo á bancada (11-2 para os betanceiros e un ritmo prometedor), varios erros consecutivos, tanto en ataque como en defensa, deixaron un 20-18 no marcador ao remate do 1Q que presaxiaba un partido máis igualado do que realmente foi ao cabo dos 40 minutos. Se nos últimos partidos foi o terceiro cuarto do Santo o que acabou dando a vitoria ao rival, desta volta foi o segundo: 13-26 para os carballeses, moito máis acertados no tiro exterior en momentos clave. A partir de aí, pese á miraxe dun par de lances, un continuo intercambio de canastras dos que se beneficiou o equipo visitante.
Intentábano os de Doc, pero a imposibilidade de fiar dous bos ataques seguidos, unida ás triplas liberadas de Cebrián en momentos clave, acabaron deixando o marcador final nese 85-97 tan lesivo para os intereses do Ineltrón Santo Domingo Betanzos: derrota contra un rival directo e un average difícil de levantar cando toque visitar Carballo.
Na parte positiva, o gran partido de Abelleira (máis unha vez), con 26 puntos, 4 rebotes e 3 asistencias, e os bos números de Pepe Moreno (16 puntos, 5 rebotes) e do mozo Ernest, que asinou a súa mellor estatística na categoría no seu primeiro ano sénior: 16 puntos e 9 rebotes.
Na negativa, a cantidade de fallos baixo canastra e a deficiente defensa fronte ao tiro exterior do Xiria, á fin o factor determinante para que os de Carballo non tivesen problemas para levar o partido sen demasiados atrancos.
Así valoraba o partido Doc, o adestrador dos betanceiros: “O partido perdémolo no segundo cuarto. Demasiadas perdas e canastras fáciles en contra e logo, na segunda metade, o encontro converteuse nun intercambio de canastras ata o final. Non fomos capaces de baixarlles o ritmo anotador”.
Tres partidos gañados, oito perdidos; undécimos na clasificación (primeiro posto de descenso). A liga para polo Nadal ata o 12 de xaneiro. Bo momento para tomar aire, reflexionar e volver á competición coas pilas postas.