O BNG de Foz cuestiona o pacto de goberno co PSOE

O pasado 12 de decembro o PSOE de Foz anunciou publicamente, mediante rolda de prensa, que acababa de asinar un decreto no que literalmente se di o seguinte:

“Modificar a delegación outorgada a favor da concelleira Dª. Zoraida Coira Vázquez, quedando dende o momento no que surta efectos a presente Resolución, co seguinte contido: “Educación, xuventude, normalización lingüística e Residencia e Centro de Día do Concello de Foz”.

A decisión foi comunicada telefonicamente polo Alcalde á nosa concelleira con escasos cinco minutos de antelación á rolda de prensa, sen ningún tipo de conversa previa entre os dous partidos do goberno, o cal cando menos resulta sorprendente para actuar entre forzas políticas que gobernan xuntas.

E é tan xeneroso o Alcalde que redactou un Decreto de xeito que, no caso de rexeitar o novo nomeamento, Zoraida perdería tamén todas as competencias delegadas no acordo de goberno.

Nas negociacións do acordo de goberno, o BNG nunca pediu para si a Concellería de Servizos Sociais, e moito menos disociar todo o relacionado coa Residencia de dita Concellería, algo que nos parece tecnicamente inviable e carente de toda lóxica.

O que moveu ao BNG a asumir responsabilidades de goberno foi e será o seu compromiso coa veciñanza de Foz. As áreas asumidas fórono por acordo das dúas forzas, tras dunha deliberación cautelosa e consensuada. O sentido común e a responsabilidade aconsella que os cambios deberan facerse nas mesmas condicións, polo que o BNG pediu que fosen aclarados determinados termos da nova delegación de Alcaldía.

Ser xeneroso, como dixo o Alcalde que estaba sendo con esta delegación de competencias na nosa Concelleira, sería informar ao socio de goberno e negociar con el calquera cambio nas atribucións delegadas, e non facelo abruptamente, case como se fora a reacción a unha contrariedade.

Dános a pensar que esta actitude, que semella unha rabecha infantil, obedece á resolución emitida o 11 de decembro polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL, un tribunal administrativo independente que supervisa as contratacións), na que desestimaba o recurso presentado pola empresa inicialmente adxudicataria da licitación do novo contrato, e lle daba a razón á nosa proposta de emenda presentada en pleno. Estamos seguros de que isto é o que provoca esta actitude por parte do Alcalde e do PSOE de Foz.

A resolución do TACGAL vén a demostrar que a nosa postura defendendo o interese público deste contrato, estaba plenamente xustificada, e que non era unha postura de enfrontamento buscada, senón unha posición fundamentada na racionalidade e na procura dunha mellor protección para os usuarios da residencia. Debido á falta de diálogo e de capacidade de negociación do Alcalde de Foz e da Concelleira de Servizos Sociais, vímonos na obriga de presentar esta emenda, para poder rexeitar, dentro da legalidade, a adxudicación do contrato.

A última reunión que tivemos co PSOE foi o 6 de xullo, e nela quedamos emprazados para realizar unha reunión na seguinte semana, na que estaría presente un asesor xurídico, onde a nosa intención era plantexar e estudar a posibilidade da elaboración dunha nova ordenanza municipal de axudas, que paliara o abusivo incremento das tarifas da Residencia. A día de hoxe aínda estamos agardando por esta reunión.

Dende aí, e dada a nula comunicación que tiñamos co PSOE de Foz, o BNG a nivel comarcal falou en varias ocasións co PSOE provincial, para poder levar a cabo unha reunión de seguemento do pacto de goberno, e tamén para poder sentarnos a falar sobre a situación na que quedaban gran parte dos usuarios da Residencia de Foz, que non ían poder facer fronte a esas novas tarifas. A día hoxe esa reunión tampouco tivo lugar.

Por responsabilidade co pobo de Foz, nós estamos dispostos a renegociar o pacto de goberno. Creemos que isto non se pode alongar máis no tempo, por eso instamos ao PSOE a que diga claramente se están dispostos a renegocialo ou non, e chegar a un novo consenso, poñendo unha data inminente para sentarmos a falar.

Hai quen non quere entender o que significa a colaboración política nun goberno entre diferentes, non escoita nin atende ás evidencias, e mesmo é irrespectuoso até cos familiares dos usuarios da Residencia.

Todo o feito até o de agora amosa a nosa lealdade cos veciños, e mesmo xenerosidade coa outra forza do cogoberno, por moito que cos desplantes algúns buscaran insensatamente a nosa reacción extemporánea. Entendemos que Foz precisa un goberno municipal con altura de miras e centrado no benestar dos veciños e veciñas. É este obxectivo o que debería mover a calquera representante público, e non actitudes caprichosas que rexeitamos.

No BNG de Foz estamos a pór por diante os intereses das veciñas e dos veciños, por iso cremos un acto de responsabilidade coa cidadanía confiar nun importante cambio de actitude do Alcalde e do PSOE de Foz.

Facendo nosas as palabras de Carvallo Calero “e seguiremos a esperar, contra toda esperança».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios