A carreira, que dará comezo ás 17.00 horas no Parrote, percorrerá lugares icónicos como a Torre de Hércules, o Paseo Marítimo e a Praza de María Pita.
A Coruña acollerá mañá, martes 31 de decembro, unha nova edición da San Silvestre, consolidada como un dos eventos máis emblemáticos da cidade. . O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presentou hoxe a xornada que contará cunha participación de récord superando os 5.500 inscritos. «Esta carreira non só é unha competición, senón tamén unha festa para toda a familia,» destacou Vázquez.
Os participantes poderán escoller entre correr, camiñar, practicar marcha nórdica ou mesmo participar coas súa mascotas e amigos. Ademais, nesta edición a proba destaca pola súa alta representación feminina, cunha participación de case o 50% de mulleres na categoría absoluta. A carreira, que dará comezo ás 17.00 horas no Parrote, percorrerá lugares icónicos como a Torre de Hércules, o Paseo Marítimo e a Praza de María Pita.
O edil destacou o carácter internacional da edición, con participantes procedentes de diversas partes do mundo. De acordo cos datos de inscrición, achegaranse corredores e corredoras de países europeos como Francia, Italia e Portugal, así como de rexións máis afastadas como América Latina e Asia. Tamén unha alta representación de corredores e corredoras de fóra de Galicia, de acordo coa liña do Goberno de Inés Rey de posicionar as competicións deportivas como atrativo turístico e dinamizador económico da cidade.
Doutra banda, un dos compoñentes da San Silvestre é o seu compromiso solidario. A iniciativa «Corre e colabora» permitirá aos participantes doar alimentos destinados á Cociña Económica e Cáritas A Coruña. As doazóns poden entregarse os días 29 e 30 de decembro na Casa da Auga, coincidindo coa recollida de dorsais, ate hoxe ás 21.00 horas. Non se entregarán dorsais mañá, día da proba.
Vázquez destacou o traballo do equipo do Servizo Municipal de Deportes na organización desta proba de gran magnitude. Ademais, animou a máis persoas a participar e a sumar forzas nun evento que combina deporte, solidariedade e alegría: «A San Silvestre é unha ocasión para gozar da nosa cidade e despedir o ano dun xeito saudable e divertido,» comentou.
A San Silvestre 2024 destaca pola súa diversidade de categorías, pensadas para que todos e todas poidan participar. A categoría ‘Chupete’ está dedicada aos máis pequenos, promovendo o deporte desde as primeiras idades nun ambiente lúdico e familiar. Por outra banda, a CanSilvestre permite que os amantes dos animais poidan competir acompañados das súas mascotas e a categoría de Marcha Nórdica consolídase como unha excelente opción para aqueles que prefiren unha actividade menos competitiva pero igualmente saudable e inclusiva, reafirmando o carácter accesible e diverso desta carreira.
Ademais, como novidade o Oysho Running Club participará este ano como equipo de lebres, axudando aos corredores e corredoras a manter un ritmo constante e a alcanzar os seus obxectivos de tempo, engadindo un compoñente técnico e profesional á proba.