Desde a aparición do fútbol en Galiza, Vigo relegou ao resto a un afastado segundo plano. Alí creáronse os primeiros equipos, que lograrían os primeiros éxitos no contexto rexional, e alí comezaron a producirse os primeiros torneos de relevancia.
Ese xermolo provocou que o nacemento oficial do noso fútbol, no 1909, fora manexado desde a gran cidade do sur e os primeiros personaxes estiveran vinculados aos mellores equipos da época, nomeadamente Vigo e Fortuna.
Vigo non só mandou, senón que manipulou o fútbol galego. Personaxes como o lobista Manuel de Castro manexaron durante anos, e con plena vontade, os destinos do fútbol galego, facendo que fortunistas e viguistas, os últimos xa transformados en sportinguistas, dominaran sen que se deran opcións de réplica noutros lugares.
Toda regra ten excepción, e esa foi a daquel deturpado torneo chamado Copa España, de edición única, dun solitario partido, xogado en setembro de 1912, no que o Deportivo derrotou ao Vigo F.C. logrando o primeiro título oficial de carácter estatal que logrou Galiza.
Até entón, e durante os seguintes dez anos, o conxunto herculino non era quen de contextualizarse en torneos oficiais e, cando o facía, a súa presenza non chegaba para aspirar a triunfos.
Desde 1907 até 1926 o Deportivo case non existiu. Incluso naquel 1910, no que xogou por primeira vez a Copa do Rei -por inscrición, non por clasificación-, fora eliminado polo R.C. Coruña no aínda oficioso Campionato Galego.
Entre 1914 e 1918 varios xogadores marcharon e formaron o Deportivo Auténtico, ao tempo que o orixinario da Sala Calvet ficaba en silencio, sen actividade futbolística.
O retorno non foi para dar alegrías. Na temporada 1919/20 foi subcampión do Campionato Galego, pero só xogaban dous, os branco e azuis e o R. Vigo Sp. O R.C. Coruña non se presentou, e desapareceu, e o Pontevedra Ath. C. foi descualificado. Neste torneo mostrouse tamén o pouco peso que tiña o club no seo da Federación Galega, que cando sentía a posibilidade que o R. Vigo Sp. puidera perder, amañaba solucións para garantir os títulos ao equipo do sur.
1923, un ano que resume os males
1923 foi outro ano no que a entidade branca e azul volveu a ficar desamparada nos despachos e nos campos.
O Deportivo manexaba mal os tempos e até quedou baixo sospeita logo de destapar unha trama pola que se modificou o formato do Campionato galego de temporada 1923/24 para amañar que coruñeses e o primeiro Celta da historia xogaran polo título.
Un dos personaxes con claros, pero con moitos escuros, foi Manuel de Castro, Hándicap. Estaba dentro da estrutura da Federación Española chegando a formar parte do comité de seleccionadores. Na Galega axitaba fíos, ás veces de xeito sutil, outras groseiramente. Declarado viguista, foi un dos propulsores da fusión co Fortuna para formar o Celta, do que foi dirixente.
Ideólogo do amaño do Campionato Galego de 1923/24 desvelado polo Deportivo, atrás del está o impedimento para que Ramón González, Chiarroni e Isidro puideran fichar polos branco e azuis.
O Deportivo, desprotexido na Asemblea Ordinaria da Federación Galega, foi excluído da competición. Era a vinganza federativa.
Sen embargo, o recurso presentado polo emblema coruñés á Española devolveríao á competición, pero non impediu que tivera que loitar pola permanencia, nunha das peores campañas da súa historia, superando só á 1921/22.
Seis causas que permiten o desenvolvemento deportivista
Metidos nese estado de cousas, o Deportivo tiña que moverse, dar un golpe no taboleiro futbolístico galego. O club mostrara un crecemento nas dúas campaña anteriores, obtendo uns subcampionatos mellor lexitimados que o da 1919/20, na que só competiron dous equipos, pero para celebrar campionatos precisaba gañar peso nos despachos. Varias causas puideron permitilo.
A intervención da Federación Española na corrupta Federación Galega
Os abusos dos dirixentes vigueses que manexaban a Federación galega reducíronse logo que desde a Española fora destituída a Xunta Directiva rexional. Para chegar a isto foi importante a unidade mostrada por sete clubs, nomeadamente Deportivo, Eiriña, Pontevedra Ath, Racing, Arenas de Ferrol e Orense. O 14 de setembro de 1925, nunha carta dirixida ao gobernador civil de Pontevedra solicitaban a anulación da Asemblea federativa, celebrada semanas antes, e a disolución da Xunta Directiva, presidida polo médico vigués e peón de Manuel de Castro, Francisco Bustelo.
O 4 de outubro de 1925 o delegado do gobernador civil pontevedrés obrou en consecuencia, entendendo que Bustelo actuara de xeito irregular.
A corrupción na Federación galega e a persecución ao Deportivo alcanzaba límites sospeitados, pero non probados até o instante, cando o 2 de decembro de 1925, López Espinosa, colexiado da Federación Centro, acusaba a Dominguez, dirixente da Galega, de querer compralo con 1.500 pesetas para que o Pontevedra Ath. derrotara ao Deportivo e achaiar o camiño do Celta cara un novo título galego. O feito ficou demostrado e a Domínguez caéronlle dous anos de inhabilitación para exercer cargos no fútbol.
O día 7 de decembro, a Española revogou as decisións da Galega dos últimos meses e mandou crear unha nova comisión directiva, destituíndo aos membros da Xunta Directiva. Nesa situación emerxeu unha figura determinante para o deportivismo: Federico Fernández Sar.
Secretario do cadro herculino, socio fundador e fillo de Federico Fernández-Amor Calvet, dono da Sala Calvet, achegouse á cúpula federativa como lugartenente do celtista Ricardo Mella, que foi quen presidiu a Comisión xestora.
A relevancia de Fernández Sar
O papel de Fernández Sar, cada vez máis visible na Xunta Directiva deportivista, foi fundamental interna e externamente. No primeiro caso, desde a secretaría do club puido resolver a crise presidencial do Deportivo no verán de 1927. O club celebrara o seu primeiro Campionato Galego, pero no dixeriu a posterior eliminación na Copa do Rei. No segundo caso, a súa presenza na Federación impediu que desde Vigo houbera novas tentativas que puxeran obstáculos ao Deportivo no torneo. O seu prestixio foi aumentando créditos até ser o novo presidente federativo nas quendas rotatorias que se estableceron como pacto de paz entre vigueses e coruñeses desde 1926. Con el desenvolveuse a nova elaboración dos novos Estatutos federativos, seguindo as instrucións de Ricardo Cabot.
A contratación de Félix Gila
José Monegal fora o primeiro técnico na historia do Deportivo. Chegara ao Parque de Riazor en 1926. O uruguaio era un diletante que tanto lle daba aos coidados físicos, como á guitarra ou á poesía, algunha dela publicada nos medios coruñeses. O salto cualitativo deuse coa contratación do donostiarra Félix Gila. Malia que acabaría cuestionado ao remate da campaña por non ter superado ao Sporting de Gijón na fase de grupos da Copa, foi importante na toma de decisións que deron ao equipo máis consistencia, como a de atrasar a posición de Chiarroni en varios partidos. O vigués, que fora insubstituíble, perdera o seu poder na área. Gila atreveuse a retiralo do once coa recuperación de Joaquín Vázquez, que foi a guinda do pastel para gañar o torneo.
A crise do fútbol pontevedrés
O fútbol pontevedrés levaba tempo valorando unha fusión entre Eiriña e Pontevedra Ath., pero a rivalidade era máis forte que o pragmatismo. A cidade á beira do Lérez, demasiado dividida, non conseguía achegarse ao nivel de Vigo, aínda que acadara o seu cumio co subcampionato dos athleticos na 1921/22 baixo circunstancias excepcionais. O gañador fora o Fortuna, o Deportivo acabou descualificado e o R. Vigo Sp. competíu baixo mínimos por ter a moitos xogadores na Guerra de África.
Pontevedra era tamén canteira, pois ademais estaba o Alfonso XIII, que xa gañara dous campionatos de Segunda Categoría e renunciara ao ascenso malia eliminar na promoción ao U. Sp. Lavadores.
A crise do fútbol pontevedrés volveuse irresoluble no verán de 1926 e o Deportivo estivo alerta para pescar o mellor naquel río revolto. A días de comezar o campionato o Pontevedra Ath. retirouse para sempre por falta de xogadores.
O Deportivo collera a tres piares dos branco e vermellos, o defensa Ramón Rey e os medios Redondela e Viar. Ademais, do Eiriña contratou á alma aurinegra do centro do campo, o profesor Fernando Fariña, e do Alfonso XIII ao seu mellor goleador, Chaco.
Catro dese repóker tiveron unha importancia fundamental no título rexional. Rey xogou os 16 partidos e Fariña, Redondela e Chaco participaron dun menos. Ningún defraudou. Na faceta anotadora, Chaco foi o segundo mellor, con nove dianas, e Redondela o terceiro, con sete, aproveitando a totalidade dos penaltis que lanzou (3). Viar, que só xogou nos catro últimos encontros, estivo á altura para amarrar o decisivo triunfo contra o Celta en Riazor (2-1).
Malia o mito creado arredor do trío Isidro, Chiarroni, Ramón González, o quinteto de Pontevedra foi máis decisivo que os “vigueses”.
A admisión do profesionalismo
A capacidade de contratar, malia que os clubs tiñan un poder case supremo sobre os xogadores, abriuse co paso do amateurismo ao profesionalismo. Comezaron a darse situacións mediante as que un club podía cambiar a vida dun deportista facéndolle un contrato profesional. A condición de futbolista profesional comezou a regulamentarse e varios clubs en fase expansiva tiveron un campo aberto para ofrecer alternativas a bos xogadores. O Deportivo foi un deles e esa situación permitiulle igualar o nivel do seu plantel ao Celta. Os futbolistas contratados dos equipos pontevedreses tiñan esa condición.
As desgrazas do Celta
Como factor coxuntural, a fraxilidade mostrada polo Celta nos partidos contra o Deportivo tiña que ver co desgaste do equipo. Aos celestes perseguiunos a desgraza no comezo da temporada. Tardaron en recuperar a Lilo, sempre decisivo entre os paus, mancado na xira que fixera o equipo en agosto polas Canarias.
O equipo, con dirixentes federativos vinculados ao desmantelamento da corrupción, tamén debeu notar o cambio estrutural na Federación e aquel proteccionismo arbitral en partidos decisivos. Maia todo, aínda se lle permitiu arbitrariamente non presentarse en Ferrol o 12 de decembro e 1926, en connivencia coa Galega, que falsificaba unha enfermidade de Pasarín para ocultar que o defensa acudía a un treino da española en Zaragoza. O Celta non estivo a altura na primeira visita ao Inferniño, onde perdeu 1-0 e, sobre todo, na primeira visita a Progreso, onde caeu diante do Eiriña (2-1).
Os problemas con xogadores noutra época emblemáticos, como Jacobo Torres, que logo de problemas físicos foi afastado do club en febreiro polo seu “débil amor al club”, ou a citada baixa de Lilo, que só puido retornar ao equipo na novena xornada, perdendo os seis primeiros partidos, xuntáronse coa do defensa Cabezo, que tamén perdeu os cinco iniciais.
O inestable ambiente interno, coas idas e voltas do técnico-masaxista-preparador físico, Andrés Balsa, que non renovaría cos celestes rematada a competición, sumado á intermitencia de futbolistas importantes como Hermida, Queralt, Chicha e Pinilla, nunca permitiron que o ex boxeador fixera un once sólido, aprendido de memoria polos seareiros que frecuentaban Coya.
Unha época de crecemento futbolístico para A Coruña
O primeiro Campionato Galego gañado polo Deportivo fixo que 1926/27 fora unha campaña excelente para o fútbol herculino, que engadiu outras razóns futbolísticas moi salientables.
En 1926, Riazor fora ampliado a 9.000 espectadores en previsión que as obras de Coya non chegaran a tempo para acoller o España-Hungría. Caso de xogarse finalmente en Vigo, como así foi, falouse que a maior capacidade serviría para acoller un Galiza-Budapest. Finalmente quedou en Madrid, onde os da beira do Danubio xogaron contra a selección do Centro por un asunto de comisións no que o principal beneficiado foi Edwin Herzog, vicepresidente da Federación maxiar.
Riazor tamén aproveitou a reforma para ampliar as marxes do terreo de xogo, que pasou a medir 108×64 metros. Unhas dimensións e unha renovada herba que o deixaban como un dos máis atractivos de España.
Por último, o crecemento tamén foi acompañado polo Emden. O conxunto da Rúa Compostela secundaba o éxito do primeiro título deportivista ao facerse co de Segunda Categoría. Logo dos subcampionatos de 1923/24 e 1924/25, erguía o título derrotando na final ao Rápido de Bouzas cun dobre triunfo en Monelos e Coya, O campionato tivo o engadido do ascenso tras un duelo de promoción ante o U. Sp. Lavadores sen dramatismo, pois antes dos partidos de Riazor e Barreiro o club xa recibira na súa sede as fichas federativas para a inscrición do equipo na Primeira Categoría, compensando a desaparición do Pontevedra Ath.
Simbolicamente, tamén ten o seu aquel que as Asembleas da Federación Galega deixaran de facerse en Vigo e pasaran a celebrarse por primeira vez en Santiago. Na seguinte temporada, o presidente ía ser Federico Fernández Sar.
Foto: R.C. Deportivo no día que recibiu ao Eiriña en Riazor o 24/10/1926