Guido Guía e Xaime Fernández guiarán en Samos o día 25 coa asociación de comerciantes e artesáns

O vindeiro sábado 25 de xaneiro Guido Guía e o historiador e guía Xaime Fernández guiarán en Samos de 11h a 14h un paseo baixo o título “Descubrindo Samos” que comezará e rematará na Capela do Ciprés.

Non é a primeira vez que Guido e Xaime unen forzas para guiar na comarca de Sarria (principalmente en Samos e Triacastela), tamén en Lugo ou Portomarín. Estes dous grandes amigos levan anos compartindo curiosidades das súas terras tanto neste tipo de actividades como algunhas veces nas redes sociais. Xustamente hai dous anos foi moi coñecido incluso a nivel internacional (viralizárase sobre todo en Arxentina) un vídeo que gravaron no Mosteiro de Samos nunha curiosa relación co Mundial de Fútbol do 2022 e Leo Messi.

Nesta ocasión cítanse coa gran comunidade de viaxeiros e paseantes do proxecto Guido Guía e tamén con todas as persoas que queiran unirse ás súas aventuras. A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos co-organiza esta interesante actividade para a que xa hai máis de 50 persoas inscritas aínda a falta de máis de medio mes.

Quen queira anotarse pode facelo gratuítamente a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios