Loitou pola visibilidade do colectivo nunha época na que botarse á rúa para defender os dereitos humanos era o camiño máis directo cara a tortura e a prisión. Case tres anos despois do seu falecemento, A Coruña, cidade natal de Trinidad Falcés, réndelle homenaxe cunha exposición na biblioteca municipal Durán Loriga que se abrirá ao público o vindeiro 10 de xaneiro
A coruñesa Trinidad Falcés, falecida en 2022 aos 80 anos, estivo presa nun campo de concentración pola súa realidade como persoa cuir, e encabezou en 1977 a primeira marcha LGTBIQA+ que se organizaba en España, concretamente en Barcelona, cidade na que Trini residiu durante 30 anos. Á fronte desa marcha estaban as prostitutas e as persoas trans. Trini era unha delas. Cando se lles preguntou porque o facían contestaron: “Total, nós xa estamos mortas”.
A comisaria da exposición Relembrando a Trini, Sergio Marey (Pol (Lugo), 1997) explícanos en que consistirá a mostra, que promove a Deputación da Coruña: “Veremos un armario que se poderá percorrer todo arredor, que estará cheo de obxectos que pertenceron a Trini e que definen a súa vida: o traxe que levou nunha homenaxe que se lle fixo, documentos como entrevistas cando era prostituta ou cando foi encarcerada, o certificado do seu ingreso en prisión ou a bisutería que lle gustaba poñer. Son obxectos que nos permiten construír a Trini, a súa imaxe e o que ela significou tanto no activismo como na súa vida privada.”
Fito Ferreiro, membro da Asociación Palestra, acompañou a Trini nos últimos meses da súa vida: “Desde que volveu á Coruña, tocoume ser unha parte importante na súa vida. Era unha sobrevivente. Tiña a capacidade de buscar solución a todos os problemas. Vivía dunha pensión non contributiva, como case tres de cada catro persoas maiores LGTBI”.
O día da inauguración tamén se presentará o libro sobre a figura de Trinidad Falcés É mellor loitar que morrer de fame, escrito pola propia Sergio Marey. Ademais, haberá dúas charlas: Situación trans onte, hoxe e mañá, da activista trans Laura Bugallo e Cuiruña e a importancia da literatura cuir, de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña.
A mostra poderase visitar ata o 20 de xaneiro.