O PP esixe responsabilidades ante o caos na reparación de fugas de auga en Lugo

  • O Partido Popular denuncia a grave situación que están a vivir os veciños de Lugo pola ineficacia do goberno local á hora de xestionar o servizo de reparación de fugas de auga. Nos últimos días rexistráronse múltiples incidencias sen que se adoptasen medidas eficaces para resolvelas nun prazo razoable, o que supón un novo episodio dun problema crónico na cidade.
  • Os populares esixen explicacións inmediatas sobre as razóns que levan a que, malia que o pasado 19 de decembro se adxudicou o contrato para a reparación de avarías nocturnas e durante festivos e fins de semana, os atrasos continúan a ser a norma. Esta situación evidencia, segundo o grupo municipal, a incapacidade do goberno local para garantir un servizo básico e esencial.
  • Desde o PP lembran que o desmantelamento da brigada municipal de augas marcou o inicio dunha xestión errática, agravada pola implantación dunha solución temporal que non foi capaz de cumprir cos obxectivos. “Estamos ante un exemplo claro de mala organización e falta de previsión, e os veciños non poden seguir pagando as consecuencias deste desleixo”, sinalan.
  • Urxe, insisten, que o goberno actúe con contundencia para evitar máis demoras na reparación de avarías na rede de abastecemento. A cidade non pode permitirse seguir padecendo un servizo deficiente que prexudica gravemente o día a día da veciñanza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios