O pasado 7 de xaneiro o guía turístico lucense Guido Álvarez anunciou nas súas redes unha gran noticia: que ía percorrer e divulgar nas redes a Vía Künig, e que pronto anunciaría datas e máis detalles.
Hoxe, dous días despois, ven de lanzar en todas as súas redes un vídeo co historiador Javier Gómez Vila (promotor da Vía Künig) e Diego AS (autor do mellor mural do mundo do ano 2021 e tamén de varias obras neste itinerario medieval) anunciando que será do 19 ao 23 de febreiro e que o propio Diego vaino acompañar cando menos nalgúns dos tramos.
No vídeo e na súa publicación agradécelle a Diego por terlle proposto a idea, e tamén a Ibai Llanos e a Xokas pola inspiración que supuxo seguir os seus episodios percorrendo o Camiño Francés hai só unhas semanas.
Tamén anuncia que as etapas serán de Pedrafita do Cebreiro ás Nogais, das Nogais a Becerreá, de Becerreá a Baralla, de Baralla ao Corgo, e do Corgo a Lugo. Anima a quen queira a sumarse á aventura e ao mesmo tempo anticipa que nestas semanas seguirán proporcionando máis información.