Inés Rey reclama que se incorporen os alcaldes e alcaldesas na xestión das emerxencias

Traslada o apoio da FEMP aos municipios afectados que seguen sufrindo as consecuencias da catástrofe

A alcaldesa da Coruña e vicepresidenta da FEMP, Inés Rey visitou esta mañá algúns dos municipios afectados pola catástrofe da DINA co obxectivo de lles trasladar aos alcaldes e alcaldesas o apoio da Federación de Municipios e Provincias neste momento tan complicado de reconstrución dos concellos afectados.

Rey quixo mostrarlles a súa solidariedade a todas as persoas que seguen a sufrir a día de hoxe as consecuencias da DINA e poñer en valor o papel dos alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras de calquera formación política, que estiveron en todo momento, e sen desfalecer, coa súa xente.

A alcaldesa destacou que esta traxedia puxo de manifesto novamente a importancia dos concellos como administración de proximidade, como primeiro recurso da cidadanía tamén nos peores momentos, que «son vítimas da DINA, non responsables» e reclamou que se incorporen os rexedores e rexedoras na xestión das emerxencias.

«Os concellos como Administración con maior coñecemento do terreo teñen que estar implicados polos gobernos autonómicos na xestión das emerxencias e por suposto na reconstrución», sinalou a rexedora.

Rey, que comprobou de primeira man os problemas aos que se seguen a enfrontar os alcaldes e alcaldesas destes municipios, considerou «inmoral que algúns pretendan utilizar politicamente esta situación en busca de rédito político», en referencia á reprobación da alcaldesa de Paiporta.

«Non é o momento de lles reprobar nada aos alcaldes e alcaldesas, é o momento de dotalos dos recursos necesarios para que poidan abordar a reconstrución, de simplificar os trámites para que os concellos poidan xestionar a emerxencia e atender as necesidades dos veciños e veciñas que seguen a ser moitas».

Comparte éste artículo
No hay comentarios