Voces de África, América e Europa no novo trimestre de Poetas Di(n)versos

Os meses de inverno traerán ao ciclo coruñés poetas do maior renome de Suíza, Arxentina e Angola a recitar no Ágora en romanche, español e portugués

Ininterrompido dende que botara a andar a súa 16º edición anual o pasado outubro, Poetas Di(n)versos desvela agora a que será a súa programación para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Tres novas citas coa mellor poesía en galego e en calquera outra lingua do mundo que poderán seguirse un luns ao mes ás 20.00 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora e con entrada gratuíta ata completar capacidade. «O Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade», sinala o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

Serán os días 20 de xaneiro, 24 de febreiro e 31 de marzo, e participarán algunhas das voces máis recoñecidas da poesía romanche, arxentina e angolana a carón de voces de absoluta actualidade en lingua galega, todos con novas entregas poéticas baixo o brazo.

A primeira das citas chegará xa este vindeiro luns, reunindo dúas poéticas escritas en variedades dialectais de linguas minorizadas. Se a suíza Jessica Zuan cultiva versos na variante puter da lingua retorrománica (tamén coñecida coma romanche), o asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro faino nun galego falado fóra de Galicia, en Asturias. Con eles -entre outros galardóns- gañou ela o último Premio de literatura dos Grisóns e el o Premio de Poesía Afundación, un dos máis prestixiosos do panorama galego e que recaía por vez primeira nunha voz externa ás nosas fronteiras administrativas.

O mes que vén reuniranse no Centro Ágora unha das autoras máis valoradas na poesía arxentina contemporánea, María Negroni, a carón da poeta e xornalista rianxeira Noelia Gómez. Se a segunda publicaba hai poucas semanas ‘Desenfoque’ baixo o coidado selo de Apiario, a primeira tamén viña de sacar ‘La idea natural’ en Acantilado.

O último día de marzo recitarán Ondjaki e Séchu Sende. O multipremiado poeta e narrador luandés é un dos autores de maior repercusión e proxección internacional de Angola e reside hoxe no Brasil, mentres que o escritor, sociolingüista e regueifeiro padronés Séchu Sende vén de romper un silencio poético duns 15 anos ao publicar na Chan da Pólvora Passa-montanhas.

O ciclo de lecturas públicas fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño -recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía- continúa a ser unha cita de referencia única en España pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria. Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas biografías e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.

Comparte éste artículo
No hay comentarios