Formoso participou na presentación do cartel da Semana Santa 2025, onde resaltou os catro séculos de historia «dunha tradición que combina espiritualidade, arte e historia»
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no Antigo Hospicio acto de presentación do cartel da Semana Santa de Ferrol 2025, un evento que inicia a programación desta conmemoración. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional dende 2014, a Semana Santa de Ferrol combina a riqueza patrimonial e relixiosa da cidade cunha enorme capacidade para dinamizar a economía local polos miles de visitantes que recibe durante eses días.
Durante a súa intervención, Formoso destacou o compromiso da Deputación coa promoción da Semana Santa de Ferrol, que conta con 400 anos de historia e que cada ano atrae milleiros de fieis e visitantes, contribuíndo a poñer en valor o enorme patrimonio histórico e artístico da cidade.
«A Semana Santa de Ferrol é un referente en toda España, un motivo de orgullo para toda a provincia, un escaparate perfecto para proxección nacional e internacional da cidade e unha oportunidade para fortalecer a economía e o turismo local,» sinalou o presidente, que destacou que, dende hai moitos anos, a Deputación é a responsable de editar os carteis, programas e revistas da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa ferrolana.
Ademais, Formoso puxo en valor o traballo das confrarías, asociacións e veciñanza, que coa súa implicación e dedicación fan posible esta conmemoración ano tras ano, e resaltou a importancia de preservar e divulgar o patrimonio cultural vinculado á Semana Santa ferrolana, «unha tradición moi arraigada que combina espiritualidade, arte e historia».