LODE presentará o directo do seu proxecto na sala Capitol

LODE arranca o ano con forza anunciando a estrea en directo do seu proxecto e comezo da súa xira, que terá lugar nun dos mellores recintos de concertos de toda Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. Desta maneira, o artista presentará a súa novidosa proposta, nunca antes vista no xénero urbano en Galicia, no que será o punto de partida do seu tour de 2025. O domingo 4 de maio o artista naronés subirá ao escenario da Capitol cun espectáculo que combinará a súa versatilidade vocal e musical coa súa destreza no baile, que dotará ao show dunha posta en escena moi diferencial dentro da escena. As entradas para este concerto saen á venda este venres 17 por 10€ en www.salacapitol.com.

Recuerdo‘, 5º e novo sinxelo do proxecto, ve hoxe a luz

LODE está de celebración por partida dobre, e segue dando pasos adiante afianzando o seu proxecto co lanzamento de ‘Recuerdo‘, un novo reguetón que mestura toques de R&B e flows de hip hop, cunha temática íntima e profundamente persoal, tocando o desamor e a superación. Este tema exerce xa como cuarto adianto do seu seguinte traballo discográfico, que espera ver a luz proximamente.

O artista volve a amosar as súas capacidades para mesturar estilos, collendo os ritmos contaxiosos do reguetón para innovar e saír do establecido mediante elementos melódicos e actitudes doutros xéneros. A letra de ‘Recuerdo‘ está infestada de sentimento, como xa é costume en LODE, tratando o desamor dunha maneira moi visceral e sincera coa que moitas persoas poden chegar a sentirse identificadas. Tras mergullarse en estilos como a cumbia, o EDM ou mesmo o afrobeat e pop urbano nos seus anteriores adiantos, o de Narón remarca a súa versatilidade e capacidade de adaptación a cada estilo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios