O BNG defenderá no vindeiro pleno o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente da Galiza

Arroxo: «Castelao ten que ser recoñecido como o primeiro presidente de Galicia de xeito oficial e legal”.

O BNG presentou unha proposición en defensa da figura de Castelao que se debaterá no primeiro pleno do Ano Castelao 2025. Na proposición, o BNG defenderá que o Concello inste á Xunta a recoñecer a Castelao «como presidente de Galiza, e o Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea». Arroxo afirmou que Castelao é «a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza», e destacou que «toda a súa vida e a súa obra constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galiza de hoxe».

«Temos a obriga de honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galiza, sendo fieis ao seu pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político», destacou o portavoz do BNG, que engadiu
«inmediatamente despois da súa morte, o franquismo iniciou a construción dunha versión manipulada, enxalzando o creador e o artista, e atacando, ocultando ou minimizando a súa traxectoria e obra política».

Segundo Rubén Arroxo, «continuar con esta visión distorsionada, converter a Castelao nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou».

O BNG propón que o pleno municipal acorde solicitar ao Goberno da Xunta de Galiza o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia, e o Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea, ademais de apoiar a declaración do 2025 como Ano Castelao.

Comparte éste artículo
No hay comentarios