Os socialistas presentan emenda á totalidade da Lei da TVG porque é un “ataque frontal ao pluralismo e á liberdade informativa”

Silvia Longueira asegura que «este proxecto non busca modernizar nada: o que pretende é consolidar un modelo de control político absoluto dos medios públicos para garantir que  a CRTVG siga sendo un instrumento de propaganda ao servizo do PP».

O Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital impulsado polo Partido Popular. 

A socialista Silvia Longueira cualificou a proposta como un ataque frontal ao pluralismo e á liberdade informativa, elaborada de costas ao sector e sen diálogo cos propios profesionais da corporación. «Este proxecto non busca modernizar nada: o que pretende é consolidar un modelo de control político absoluto dos medios públicos para garantir que  a CRTVG sega a ser  un instrumento de propaganda ao servizo do PP», sinalou Longueira.

A proposta lexislativa impulsada polo PP elimina órganos esenciais como o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, para garantir a independencia editorial e blindar o exercicio  profesional fronte ás inxerencias políticas. 

Segundo Longueira, «desmantelar estes órganos é unha mostra de desprezo á profesión xornalística e unha agresión ao dereito da cidadanía a unha información veraz e plural».

Ademais, o Grupo Socialista denuncia que a nova norma permite que a elección da Dirección Xeral quede en mans da maioría simple do partido gobernante:  «É un golpe á democracia informativa que vulnera o regulamento europeo sobre liberdade de medios ao consolidar un modelo de nomeamentos a dedo, sen consenso político nin participación social», afirmou Longueira.

A deputada tamén puxo o foco na opacidade coa que se redactou o proxecto, sen ter en conta as achegas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nin das entidades que representan ao sector audiovisual. «Mentres o PP pide consenso noutros ámbitos, aquí impón unha lei sen dialogar con ninguén», lamentou.

Outro aspecto crítico é a infravaloración da produción propia e do arquivo audiovisual da CRTVG. Longueira advertiu que «esta proposta abre a porta á externalización de contidos e desmantela o valor patrimonial que supón o arquivo documental, clave para preservar a nosa historia e memoria cultural».

Por último, destacou o retroceso na protección do uso da lingua galega. «Nun momento no que é máis necesario ca nunca fomentar o uso do galego, a Xunta abandona a súa responsabilidade e recúa nun medio que debería ser o principal garante da nosa identidade cultural», denunciou.

O Grupo Parlamentario Socialista considera que o texto do PP é un retroceso que empobrece a democracia e sitúa os medios públicos fóra dos estándares europeos de independencia e pluralidade. Por iso, esixe a retirada inmediata do proxecto e a apertura dun proceso de diálogo real que permita unha lei que protexa a pluralidade, a profesionalidade e o dereito da cidadanía a unha información libre e de calidade. 

«Non imos permitir que a CRTVG se converta nun altofalante de Rueda. Traballaremos para que sexa un medio público ao servizo de toda a sociedade galega», concluíu Longueira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios