A Facultade de Dereito da UDC acolle un congreso sobre os retos do Big Data no Dereito da Competencia

Reunirá unha ampla representación de especialistas nacionais e internacionais os días 23 e 24 de xaneiro

O crecente uso dos datos de consumo con fins comerciais que propiciou o Big Data xerou beneficios substanciais para as empresas, permitíndolles desenvolver innovacións de produtos, mellorar a eficiencia dos procesos produtivos ou prever as tendencias do mercado. Moitos destes beneficios trasládanse aos consumidores, aos que se ofrecen novos produtos e servizos e obteñen unha ampla gama de vantaxes, como servizos innovadores, personalizados e continuamente mellorados, a miúdo gratuítos.

Con todo, a capacidade de xerar e procesar grandes conxuntos de datos pode asociarse ao poder de mercado, que permite ás empresas exercer unha posición de dominio sobre as entidades competidoras e as persoas usuarias nun determinado mercado. Outro problema é que as empresas tenden a crear ecosistemas, estendendo as súas prestacións a produtos ou outros servizos máis ou menos relacionados.

O Dereito da competencia ten como misión preservar o funcionamento competitivo dos mercados, en beneficio dos consumidores. Para cumprir con este obxectivo, as súas ferramentas tradicionais deben adaptarse aos retos que expón a economía dos datos. Por exemplo, o Dereito da competencia tradicionalmente ocúpase de condutas que teñen un impacto negativo nos prezos ou no nivel de produción, mentres que moitos servizos que se prestan na rede son gratuítos para os usuarios e, polo tanto, o seu impacto sobre os prezos é relativo.

No marco deste contexto nace o congreso “O Dereito da Competencia na era do Big Data”, que se celebrará os próximos días 23 e 24 de xaneiro na Facultade de Dereito da UDC. Un foro de reflexión que reunirá no Campus de Elviña a destacados expertos na materia para abordar todos estes novos retos xurídicos e económicos que xorden da transformación dixital e o uso masivo de datos.

O programa do evento estrutúrase ao redor das tres grandes categorías do Dereito da competencia: a prohibición de colusión, de abuso de posición de dominio e o control de concentracións. Así, desenvolveranse cinco paneis temáticos que analizarán aspectos clave como a colusión ou pacto ilícito en dano de terceiro mediante algoritmos, o abuso de posición dominante na industria dos datos, o control das concentracións e as implicacións internacionais do Big Data nos mercados.

O congreso tamén incluirá a presentación de comunicacións científicas seleccionadas por un comité experto, do que forman parte os profesores da Universidade da Coruña Fernando Cachafeiro e Marcos A. López Suárez.

Participantes

Entre os participantes no encontro, destacan figuras como Pilar Canedo, ex-conselleira da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e actual experta sénior en competencia da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE); ou Juan Luis Crucelegui, xefe dos servizos xurídicos da área de Políticas da Competencia na axencia das Nacións Unidas para o comercio e o desenvolvemento (UNCTAD). Ademais, tamén participarán numerosos profesionais procedentes de universidades como a UDC, a Carlos III de Madrid, a Nebrija, Málaga, País Vasco, Santiago de Compostela, Valencia, Vigo, Zaragoza, ou a Pontificia Javeriana de Bogotá (Colombia).

Organización e apoios

O  congreso “O Dereito da Competencia na era do Big Data” está organizado polo Grupo de Investigación Empresa, Consumo e Dereito (ECD), no marco do proxecto de investigación “Big Data, competencia e protección de datos” (PID2021-127172NB-100), pertencente ao Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023 e cofinanciado pola Unión Europea e o Ministerio de Ciencia e Innovación – Axencia Estatal de Investigación.

Este proxecto conta con financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación, no marco do Plan de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. O congreso conta tamén co apoio da Rede Académica de Dereito da Competencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios