O vicepresidente participou na presentación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, “Turismo Responsable en Ferrolterra”.
O xeodestino de Ferrolterra foi protagonista esta tarde nos actos do stand de Galicia en Fitur, onde a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol lanzou a campaña “Turismo de Ferrolterra” e, ademais, o Classic Surf Pro presentou “Galicia, destino WSL (World Surf League)”.
O vicepresidente salientou o “bo traballo” da Mancomunidade ao “impulsar un destino turístico que cada vez é máis demandado e de maior calidade” e fixo referencia á colaboración coa entidade provincial, que destina un importe de 150.000 € para a mellora da competitividade turística de Ferrolterra. Regueira destacou tamén a aposta “por un turismo responsable e de calidade, moi aliñado coa estratexia que defendemos dende a Deputación” xa que “é fundamental buscar a ese visitante que sepa valorar o que a provincia é capaz de dar”. Tamén puxo en valor a comarca de Ferrolterra, “que representa o xeoparque, costa, patrimonio militar, candidatura a patrimonio mundial da UNESCO… e rodeada dunha magnífica paisaxe e cunha espectacular gastronomía, fitos que a sitúan cada vez mellor no escaparate turístico do país”.
Regueira tamén participou no acto do Classic Surf Pro, onde afirmou que a colaboración coa World Surf League, que se materializa nun investimento de 300.000 € para as tres probas que se celebran na provincia (Gadis Longboard Festival Ferrol; Abanca Pantín Classic Galicia Pro e Cabreiroá Junior Pro Razo) é “estratéxica” para a Deputación. “Trátase dunha aposta moi relevante por este deporte que é tamén un produto turístico, que nos permite poñer o foco internacional sobre a nosa costa durante os 365 días do ano”. O vicepresidente apuntou que o surf contribúe tamén a promover a “sustentabilidade”, afianzando “unha aliaza co planeta e coa nosa costa”, así como “a diversidade no deporte”.
Remata así a primeira xornada de Fitur, que continuará mañá con máis actos nos que a Costa da Morte seguirá tendo protagonismo; así como Santiago de Compostela; o Xeoparque Cabo Ortegal ou o xeodestino Barbanza – Arousa, entre outros.