Carlos Callón, autor: «As sombras avanzan no mundo, mais aquí ninguén solta a man de ninguén»
Presentouse nunha libraría Couceiro de Santiago de Compostela ateigada de público o libro Vidas e historias LGBT da Idade Media, unha obra publicada por Edicións Xerais que acumulou insultos e ameazas desde días antes da súa chegada ás rúas. Ademais de fortes inxurias homofóbicas e transfóbicas, producíronse varias intimidacións (en especial, a través da rede social X) advertindo que non permitirían que se realizase ningún acto de presentación. Cando Carlos Callón lembrou onte estes amedrontamentos e agradeceu a «calorosa presenza» de todas as persoas congregadas, o público respondeu cun forte aplauso.
O autor puxo en diálogo este seu último título co anterior, O libro negro da lingua galega, tamén editado en Xerais. «Aínda que son de temas diferentes, están ligados porque ambos falan de ángulos da diversidade humana, e tamén os unen os ataques recibidos por quen queren que exista unha humanidade clónica, quen senten arrepíos pola pluralidade», indicou. «Mais, fronte a tanta mentira e tanto negacionismo da Historia, cómpre militarmos na defensa dun coñecemento fidedigno do pasado e da convivencia no presente».
«Temos o corazón nun puño por un mundo onde avanzan as sombras, aínda moito máis desde esta semana, mais aquí ninguén solta a man de ninguén», dixo en canto todo o público se puña de pé e finalizaba o acto de mans dadas. «Mais, ollo, que no planeta se estendan as tebras non quere dicir que isto sexa algo definitivo. A Historia sabe dar tamén boas sorpresas, mais esas sorpresas temos que sachalas. Fagámolo!», concluíu.
O acto presentouno Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC e autora tamén do premiado libro A defunción dos sexos (2022), quen lembrou que «os gardiáns da norma patriarcal obviaron e adulteraron todos estes rastros de diversidade e disidencia, para nos contaren a historia como un bloque monolítico onde só se concibiu un xeito de ser persoa». «Dicían que o libro non ía poder nin presentarse, mais por cada ameaza, insulto ou comentario violento hai deceas de persoas dispostas a encher os espazos e alzar a voz para dicir que non imos voltar atrás e non imos deixar de investigar», sinalou, enfatizando a importancia de «defendermos máis que nunca unha investigación libre e sen censura». Ademais, convidou a que exista un «debate serio, feito desde o respecto e o rigor de coñecer».
O autor tamén fixo un repaso a algunhas das «vidas e historias» que figuran no libro, como o casamento entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz no século XI en Santa María de Ordes (Rairiz de Veiga), nun documento solemne en que unen as súas vidas «todos os días e todas as noites, para sempre»; a lápida descuberta en Taragoña e os motivos que nos levan a pensar que os homes Urso e Rufino que nela aparecen era amantes; a cantiga de amiga modificada polos editores, mudando os pronomes femininos en masculinos para que non se vise que era unha relación lésbica; a información que nos dan as crónicas e as cantigas satíricas sobre o relacionamento que tiveron no século XIII o adiantado maior do reino de Galiza e o adiantado maior do reino de León, ambos enfrontados a Afonso o Sabio; as historias de «santo atrevimento» trans que se copiaban nos conventos de Galiza e Portugal, entre os cales se destaca no libro o caso de santo Esmarado (canonizado no seu momento co nome de nacemento, que era Eufrosina); o caso da parella de mulleres Sancha Pérez e María Leve, que viviron na rúa da Moeda Vella de Santiago de Compostela (e que teñen unha placa no lugar, grazas á petición no seu día realizada polo autor, e que se aprobou en sesión plenaria do Concello), entre outras «vidas e historias que aínda hoxe nos apelan, que aínda hoxe nos explican».
Foto portada: Marcelo Vegi