A exhibición do Concello de Lugo tivo lugar hoxe no espazo de Galiza da Feira Internacional de Turismo
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiu esta mañá á Feira Internacional de Turismo Fitur, onde Lugo amosou os seus encantos e a súa privilexiada ubicación, cunha presentación titulada Lugo no Camiño. Maite Ferreiro afirmou que «volvemos un ano máis a Fitur para ensinar ao mundo a nosa riqueza cultural e patrimonial, a nosa hospitalidade e os nosos atractivos únicos», e engadiu «a unión de todos estes aspectos que fan de Lugo un destino inesquecible para aquelas persoas que nos visitan».
A concelleira de Turismo afirmou na presentación que «este 2025 celebramos 25 anos desde que a nosa Muralla foi declarada patrimonio da humanidade e 10 dende que o foi o Camiño Primitivo». Segundo anunciou Maite Ferreiro, «estamos preparadas para celebralo como merece e seguiremos insistindo na nosa idea de que Lugo debe seguir sendo a cidade viva na que entre todas a convertimos».
Ferreiro insistiu en que Lugo pode ser o epicentro dunha experiencia maior, dunha viaxe e inmersión na Galiza para coñecela a fondo. «Temos a sorte de estar situados a menos de 100 km de lugares emblemáticos e representativos da nosa terra, polo que podemos ser a base de operacións para o desembarco na Galiza, para vivila enteira», explicou Ferreiro, «Lugo Km100 é o comezo da viaxe, é o punto onde todo comeza e o fío que une un sinfín de experiencias». A concelleira deixou claro que se está a afondar nesa idea porque funciona e os datos así o demostran, «pero sempre a través dun turismo de cercanía, responsable e de calidade».
Para Maite Ferreiro «o máis difícil está feito», xa que Lugo xa non é ese gran descoñecido, «Lugo xa está na boca e mente de cada vez máis xente, e aqueles que nos visitan, non nos esquecen». «Pero hai que seguir camiñando cara o obxectivo, facer da nosa cidade un lugar ao que querer acudir para descubrir os seus tesouros», insistiu a concelleira de Cultura e Turismo,
«Agardamos a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso, e animámosvos a coñecer o Lugo cheo de vida, moderno, afable, cómodo e acolledor que agarda por todas as persoas que nos visitan», afirmou Maite Ferreiro durante a presentación, e engadiu «tratarémosvos da mellor das maneiras e acompañarémosvos mentres descubrides Galiza».