O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participaron esta mañá no acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) na Escola Superior de Enxeñaría do Campus lucense con motivo da celebración da festividade de Santo Tomé de Aquino.
Arias lembrou que este é o primeiro curso académico no que a matrícula é gratuíta nas universidades públicas e nos centros de ensinanzas artísticas superiores, «unha medida pioneira do Goberno galego da que se beneficiarán arredor de 20.000 estudantes galegos este curso».
A Xunta mantén o seu compromiso co sistema universitario grazas ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, un plan plurianual e consensuado que ten como obxectivo mobilizar case 3.200 millóns de euros durante a súa vixencia. O Goberno galego segue a traballar para consolidar un modelo educativo equitativo, universal e aberto.