Olga García: «A veciñanza está pagando por un servizo que na vida diaria non deixa de ser un fraude por non ter garantía de ter auga cada vez que chove»
«Desde o BNG de Castro de Rei denunciamos a grave situación que está a afectar o servizo de abastecemento de auga en Castro de Rei. Actualmente, as bombas de captación de auga están completamente inundadas, o que non só interrompe o subministro, senón que fai que a pouca auga que chega ás vivendas non sexa apta para o uso, nin sequera para a ducha».
«Esta situación é inadmisible e afecta de maneira directa á vida diaria de moitos veciños e veciñas» denuncia Olga Castro concelleira nacionalista. Desde o BNG esiximos unha resposta inmediata por parte do Concello para garantir que o acceso á auga, un servizo básico e esencial, sexa restablecido canto antes.
Dende o BNG lembran que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para mellorar o sistema de captación, mais esta foi rexeitada polo goberno autonómico. «A falta de investimentos por parte da Xunta e a inacción do Concello están a condenar á veciñanza a convivir cun problema sanitario e ambiental que require unha solución urxente», sinalou a concelleira nacionalista.
Por iso o Bng de Castro de Rei vai presentar as seguintes iniciativas para o vindeiro pleno: Solucións urxentes: Actuacións inmediatas para reparar as bombas de captación e asegurar o correcto funcionamento do sistema de abastecemento. Garantías de calidade: Que se leve a cabo unha análise da calidade da auga para garantir que, unha vez restablecido o servizo, esta sexa apta para o consumo humano e outras actividades domésticas. Prevención a longo prazo: Un plan de mellora e modernización das infraestruturas hidráulicas para evitar que situacións como esta volvan a repetirse no futuro.
«A cidadanía non pode ser vítima da inacción ou da falta de previsión. A auga é un dereito básico e debe ser tratado como tal. Desde o BNG seguiremos fiscalizando a xestión municipal e reclamando solucións reais e efectivas para o benestar da veciñanza.» conclúe García.