A pista do PBB Godoy Maceira é unha das máis difíciles da categoría.
Sen tempo a saborear a terceira vitoria en tres partidos, a última in extremis fronte ao Traumacor Culleredo,
o Ineltrón Santo Domingo Betanzos visita este sábado a pista do PBB Godoy Maceira, un conxunto que, malia ocupar a 11o praza do Grupo AB da Tercera FEB, se atopa tan só a 2 vitorias dos betanceiros e que adoita converter a súa pista nunha auténtica “caldeira”. O equipo, dirixido polo incombustible Jenaro Díaz, quedou segundo na pasada Liga de Primeira Nacional (a mesma que gañou o Santo) e no seu regreso á antiga liga EBA está a ofrecer certa irregularidade (4-10) da que non se fían os que coñecen a competitividade do club e o apoio incondicional dos seus seareiros. Cunha plantilla formada por auténticos veteranos na competición, coma Iker Besada, Dani García Teijeiro ou o ferrolán Jorge Aller, e acompañados de xente máis nova coma Joel Martínez ou Íñigo González, os porriñeses nunca foron un rival doado para os betanceiros, que na primeira volta, malia ir gañando por máis de vinte puntos, só puideron pechar o marcador cun 77-68 que deixa aberto o average. Así valora o encontro Antonio Díaz “Doc” o adestrador dos betanceiros: “Partido decisivo para ambos pola situación na clasificación. Agárdanos un alto nivel de esixencia física e mental, pois a de Porriño é unha pista difícil, cun público que aperta moito e que leva o equipo en volandas. Eles están moito mellor ca ao comezo da liga tamén, así que pouco terá que ver o partido co da primeira volta”.
Fin de semana cargada de partidos para recuperar a xornada do temporal “Herminia”.
Polo que toca ao resto de conxuntos do club, a fin de semana do 1 e 2 de febreiro iniciouse xa o xoves 30 para recuperar parte dos partidos suspendidos o domingo pasado polo temporal Herminia. Así, se o sénior de Segunda Divisón abriu a xornada o día 30 ás 21.30h fronte ao Básquet Coruña, os júnior xogan o venres ás 20.45h contra o mesmo rival nas Mariñas e o sábado desprázanse á Coruña para xogar contra o Liceo ás 12h. Outros partidos interesantes da xornada son os que medirán ás rapazas de Infor-B na casa contra Baxi Ferrol Esteiro, o das cadetes de Decornaveira contra o mesmo club pero na cidade departamental ou o partido que se ha disputar no Municipal entre o Santo Domingo Betanzos Cadete Rojo e o Basquet Coruña 2010. Outros partidos interesantes son a segunda “entrega” da fin de semana dos sénior de Segunda, que visitan a pista do Kempape, a visita dos infantís de Primeira División a Allariz o domingo, ou os encontros que han medir a La Goleta, o sénior de Terceira, fronte a Arteixo, e aos cadete de Grelo contra Compañía de María, ambos os dous a celebrar o domingo.