A Universidade da Coruña acolle o II Simposio Galaico-Brasileiro sobre o dereito á cidade

O encontro, organizado polo Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC, celebrarase do 3 ao 7 de febreiro de 2025 e incluirá roteiros urbanísticos e sesións teóricas.

A Universidade da Coruña (UDC) organiza, do 3 ao 7 de febreiro, o II Simposio Galaico-Brasileiro, un evento organizado polo Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC en colaboración co Centro Universitario de Brasilia (CEUB). O simposio reunirá a docentes,persoal investigador e estudantado de ambas as dúas institucións para reflexionar sobre os retos do dereito á cidade en Galicia.

A actividade estrutúrase como un curso que combina ensinanza teórica cunha importante carga de práctica, que se realizará na rúa. Durante a semana, os participantes realizarán catro roteiros urbanísticos por diferentes localidades galegas: Betanzos, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo. Cada itinerario estará guiado por profesorado da UDC, que exporá as principais problemáticas e características do espazo urbano galego.

Ademais, o programa inclúe diversas sesións temáticas en aula, que terán lugar nas instalacións da Facultade de Socioloxía e na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC). Estas sesións estarán a cargo de membros do GET, que exporán estudos de caso, investigacións e teorías sobre a relación entre urbanismo, territorio e dereitos cidadáns.

Nesta edición, o simposio centrarase na temática «Algúns desafíos do dereito á cidade en Galicia», abordando as dinámicas e transformacións urbanas que afectan á comunidade. Participarán un total de 10 estudantes do CEUB procedentes de diversas disciplinas: Dereito (3), Enxeñaría Civil (1), Relacións Internacionais (1) e Arquitectura e Urbanismo (5), que estarán acompañados por tres docentes da universidade brasileira, ademais de membros do GET e estudantado e persoal investigador da UDC, que poderá inscribirse gratuitamente.

O I Simposio Galaico-Brasileiro tivo lugar en 2023 baixo o lema «Pontes que ligan patrimonios», centrado na comparación das estruturas territoriais galega e brasileira.

A coordinación desta segunda edición corre a cargo de Eliete de Pinho (CEUB), Plácido Lizancos (ETSAC) e Manuel Docampo (Facultade de Socioloxía).

O Grupo de Estudos Territoriais

Este grupo de investigación está composto por persoal de diferentes áreas e titulacións (Socioloxía, Arquitectura, Turismo, Deseño Industrial, Agrónomos, Filoloxía, …), todas elas da UDC. Non se trata só dun grupo de Referencia Competitiva, con contrastada internacionalización, senón cunha importante implicación local na optimización da relación da poboación co noso territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios