Os de Doc, cun 75-81, suman a sétima da temporada.
Suma e segue para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Sétima vitoria da temporada, cuarta consecutiva, e un oitavo posto da clasificación, empatados co sétimo, que achega un pouco máis os obxectivos da temporada. Porén, o PBB non o puxo doado.
Os de Jenaro Alonso frearon ao pouco o ritmo inicial do Santo, empregándose ben en defensa e con bo acerto na tripla de Javi Román e Iker Besada (durante boa parte do partido estiveron cun 60% nesta faceta) e só o acerto anotador de Dani Martín e Brezo conseguiu que a diferenza ao primeiro cuarto só fose de tres puntos para os locais (22-19).
No segundo cuarto o partido endureceuse polos dous lados, cun xogo trabado e interrompido decote polas faltas, e aínda que o Santo atopou novas vías de anotación, o Porriño marchou ao descanso 3 puntos arriba (43-40) grazas a unha tripla sobre a bucina.
Foi no terceiro cuarto onde comezou a fraguarse a vitoria dos betanceiros, que deron á volta ao marcador e chegaron a pórse oito puntos arriba, aínda que os porriñeses lograron reducir a renda ata o 59-63 co que se deu inicio ao último período.
xa case non houbo máis opción para os locais: os betanceiros, cunha defensa axustadísima, lograron poñerse 12 arriba, e malia as tres triplas consecutivas de Koke Aller ás que os porriñeses se agarraron como a un cravo ardendo, os de Doc souberon xestionar a renda e acabar o partido sen máis .sobresaltos.
Gran partido de Dani Martín, con 24 puntos e 29 de valoración, bos números dun Brezo que volveu ser o Brezo das mellores ocasións (19 puntos e 11 rebotes) e bo partido tamén de Abelleira (13 puntos, 7 rebotes e 5 asistencias) e Luis Portilla (8 puntos e 5 rebotes), sobre todo na segunda parte.
Así valoraba o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador do Santo Domingo: “Foi o partido esperado, duro e intenso. Ambos sabíamos que era unha final, e gañar nesta pista é sempre moi difícil. Fomos agresivos no rebote ofensivo todo o partido e o nivel defensivo colectivo do último cuarto foi clave. O equipo fixo un gran traballo nos 40 minutos, cada un aportou o seu gran de area aínda que non se vexa reflectido nas estatísticas”.
Próximo domingo, outra proba máis ca esixente: o Perfumerías Avenida de Salamanca visita o Carregal. Como sempre, ás 17h.