O voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, critica “a nula atención” do goberno provincial polas estradas que teñen no Concello de Becerreá nas que “nin realizan o mantemento máis básico, así como non fan os desbroces a tempo”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a obsesión de José Tomé por confrontar con todos aqueles municipios nos que os alcaldes e alcaldesas non son do seu círculo máis próximo, poñendo como exemplo o Concello de Becerreá, onde por mor das súas liortas políticas co alcalde mantén pechado o centro de atención a maiores, rematado hai tres anos, e agora “nin arranxa un treito de dous quilómetros dunha vía provincial nin responde á petición do Concello para poder arranxalo con medios municipais”.
Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, comprobaron o estado desta estrada hai uns días, concretamente un treito duns dous quilómetros na estrada LU-P-0705 á altura da parroquia de Quintá.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, lamenta que “Tomé nin come nin deixa comer” porque “ademais de negarse a arranxar este treito de estrada provincial, tamén se nega a responder á petición realizada polo Concello de Becerreá para arranxalo con medios propios”.
O popular recorda como nin PSOE nin BNG “teñen preocupación algunha” por manter en bo estado a rede viaria provincial chegando ao punto de que “nin deixan que os propios concellos arranxen vías de titularidade provincial a pesar de realizar peticións formais para poder facelo e así contar con vías en bo estado”.
Pola súa banda, o voceiro municipal popular, José Fernández Carrete, critica “a nula atención” do goberno provincial polas estradas que teñen no Concello de Becerreá nas que “nin realizan o mantemento máis básico, así como non fan os desbroces a tempo”.