Catro destacadas científicas e enxeñeiras, docentes e investigadoras no CITIC no campo da Informática, impartirán o 11F charlas para motivar o estudantado no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña e o MUNCYT da Coruña celebrarán o vindeiro martes, día 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun ciclo de charlas dirixido ao alumnado de centros educativos. Este evento ten como obxectivo promover a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia, avanzar na igualdade de xénero e empoderar as mulleres no ámbito científico e tecnolóxico, todo isto a través da destacada participación de catro profesionais da UDC, vinculadas á Facultade de Informática da Coruña (FIC) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.
As charlas, impartidas por científicas e enxeñeiras no ámbito da Informática, visibilizarán o papel fundamental das mulleres neste sector, na procura de inspirar novas vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado máis novo. O evento terá lugar o martes 11 de febreiro, de 10:20 a 13:00 horas, e estará orientado ao estudantado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, sendo específicamente recomendable para a participación de alumnado a partir de 3º da ESO. As actividades realizaranse en modalidade presencial, cun aforo limitado ao salón de actos, e en liña, a través dunha conexión online.
As reservas deben realizarse previamente enviando un correo electrónico a reservascor@muncyt.es ou chamando ao teléfono 689 578 727. Durante a reserva, os grupos poderán elixir as charlas nas que desexen participar. Para a modalidade online, será necesario contar con medios técnicos na aula, como conexión a internet e equipos audiovisuais. Ademais, anímase a que o alumnado envíe preguntas por adiantado, que serán seleccionadas e agrupadas por similitude con outras cuestións para poder respostar ao maior número posible.
Programa
O programa, comezará ás 10:20 horas coa benvida ao evento. De 10:30 a 11:00 horas, Verónica Bolón Canedo, enxeñeira e doutora en Informática pola UDC e investigadora no CITIC, protagonizará a intervención “Avances e desafíos da intelixencia artificial, e por que aínda non temos que temer aos robots!”, onde realizará un percorrido pola historia da intelixencia artificial. Verónica foi premiada co Premio Nacional de Investigación 2024 na modalidade María Andresa Casamayor.
De 11:10 a 11:40 horas, Elena María Hernández Pereira, doutora pola UDC e investigadora no CITIC, impartirá a charla “Ciberseguridade e aprendizaxe automático: como as máquinas loitan contra os cibercriminais”, explicando como a aprendizaxe automática pode mellorar a protección de datos en internet.
De 11:50 a 12:20 horas, será a quenda de María Martínez Pérez, investigadora do CITIC, enxeñeira Informática e doutora pola UDC, que falará sobre “Explorando a fórmula: RFID = Seguridade + Calidade – Riscos”, abordando como a tecnoloxía RFID pode mellorar a seguridade e a calidade nos procesos sanitarios.
Finalmente, de 12:30 a 13:00 horas, María José Martín Santamaría, doutora en Ciencias Físicas pola USC e investigadora no CITIC no grupo de Arquitectura de Computadores, pechará o ciclo cunha intervención sobre “Que é a computación cuántica e por que é tan revolucionaria?”.
Cada charla terá unha duración de 30 minutos, seguida de 10 minutos para interactuar co alumnado. Para máis información ou consultas sobre o evento, recoméndase contactar co MUNCYT a través do correo reservascor@muncyt.es ou o teléfono 689 578 727.
Toda a información destas iniciativas, nesta ligazón: https://bit.ly/m/11F
11F
O 11 de febreiro (11F) foi proclamado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, así como para conseguir a igualdade de xénero e o empoderamento de unhas e outras. Arredor desta data, organízanse multitude de actividades para visibilizar as mulleres científicas, proporcionar roles femininos no eido da ciencia e fomentar as vocacións científicas entre as rapazas e mozas.