A produtora galega Brava suma un novo fito ao seu traxecto cunha doble nominación nos Premios Mestre Mateo. Pringadas T2 e A Moza que Abortou e o Contou foron seleccionadas como finalistas na categoría de Mellor Serie Web, consolidando así a aposta de Brava por un audiovisual innovador, xuvenil e feminista.
Dende o seu nacemento en febreiro de 2024, da man de Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (A Coruña, 1998), Brava apostou pola creación de contido innovador, cunha mirada nova e feminista, centrada en narrativas frescas e en galego. En apenas un ano, a produtora traballou en diversos formatos para plataformas dixitais, curtametraxes, web series e ten varias longametraxes en desenvolvemento. O seu impacto foi recoñecido tanto pola industria como polo público, obtendo respaldo de entidades como a CRTVG, que confiou na súa visión para desenvolver novos contidos para a súa plataforma, AGalega.
«O noso obxectivo sempre foi crear contido para a mocidade, cunha perspectiva propia e na nosa lingua. Ver que os nosos proxectos están sendo recoñecidos é unha motivación enorme», explica Bea Villar, directora de produción de Brava.
Os proxectos Pringadas T2 e A Moza que Abortou e o Contou reflicten a diversidade e a calidade da produción de Brava. Pringadas T2, dirixida por Belén Puime, explora o proceso de maduración de tres compañeiras de piso que afrontan a transición entre a adolescencia e a adultez. Pola súa parte, A Moza que Abortou e o Contou, dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga, narra a historia dunha moza que decide contar a súa familia que abortou durante a cea de Nadal, utilizando un innovador formato de falso documental vertical.
Ambas series están dispoñibles en plataformas dixitais: Pringadas T2 pódese ver en AGalega, mentres que A Moza que Abortou e o Contou está en Filmin, onde tamén se atopa a primeira tempada de Pringadas. Este logro representa un fito para a ficción galega, xa que son as dúas únicas series dirixidas por mulleres en galego que lograron entrar no catálogo da prestixiosa plataforma Filmin.
Brava reafirma así o seu papel na transformación do audiovisual galego, ofrecendo novas voces e narrativas a unha industria en constante evolución.