Cervantes aproba a proposta do Partido Popular para que a Xunta promova unha acción conxunta coa Deputación e o Concello para restaurar e protexer as pallozas de Piornedo

O portavoz, Óscar Fernández, subliñou o “preocupante” estado dos teitos das pallozas tralo paso da borrasca Herminia e explicou que “para os propietarios é practicamente imposible o seu mantemento debido aos custos económicos e a escaseza tanto de palla como de teitadores”.

O Grupo Municipal do PP de Cervantes logrou o apoio unánime de tódolos grupos políticos da corporación local á súa proposta para que a Xunta de Galicia promova unha acción conxunta coa Deputación e o Concello para restaurar e protexer as pallozas de Piornedo. Foi no pleno extraordinario celebrado este xoves a solicitude dos concelleiros do Partido Popular que daban resposta así á chamada de auxilio dos veciños e veciñas da aldea polo estado destas construcións tralo paso da borrasca Herminia.

O portavoz popular de Cervantes, Óscar Fernández, explica que “o estado de conservación das pallozas, e máis concretamente dos teitos, é preocupante”. Así mesmo, indicou que “para os seus propietarios é practicamente imposible o seu mantemento debido aos custos económicos e a escaseza tanto de palla como de teitadores”.

O popular considera “lamentable” que “o goberno local socialista nunca tivera interese nin propuxera ningún tipo de iniciativa para buscar solucións” ao estado das pallozas de Piornedo que “son un icono dos Ancares e o principal reclamo turístico do municipio”. 

“O Grupo Municipal Popular ten pedido en múltiples ocasións no Pleno que o Concello dirixa unha partida económica na medida que sexa posible para axudar aos veciños e veciñas de Piornedo, pero o equipo de goberno socialista negouse alegando que non hai cartos”, expón.  Nese sentido, o popular explicou que “menten” toda vez que si que hai para “destinar 28.000 euros das arcas municipais para unha asociación que todos sabemos lidera un concelleiro socialista”.

Así mesmo, asegurou que “me produce moita tristeza que os socialistas utilicen ao Concello de Cervantes para solicitar á Deputación de Lugo un convenio para comprar un castelo propiedade dunha Fundación liderada por outro socialista por case 1M€ para o que o Concello puxo 60.000 euros. Para o castelo de Doiras si, para as pallozas de Piornedo non solicitaron nin 1 euro”.

O portavoz do PP lembrou que no 2014 a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo asinaran un convenio de colaboración para a rehabilitación e mantementos das pallozas. E puntualizou que “os fondos aportados pola Xunta si foron dirixidos á conservación das pallozas, pero os da Deputación de Lugo empregáronse para outros fins” como, por exemplo, o alumeado público de Piornedo que “non sabemos onde está porque os veciños e veciñas teñen que seguir usando lanternas se queren ver”.

Óscar Fernández destacou “a ilusión dos veciños e veciñas que crearon a asociación Teitos do Piornedo coa intención de conservar este patrimonio” e insistiu en  “solicitar un plan para a reparación das pallozas” subliñando que “é vital asinar un convenio de colaboración entre as tres administracións”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios